O legado de The Beatles podería estar en breve descargable para os iPod

martes, 28 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

A música de The Beatles é probablemente a menos accesible do mercado musical, tanto polo seu prezo (os CDs naceron con aires de grandeza e prezos prohibitivos para os en teoría principais destinatarios da súa música: o pobo) como polos atrancos que poñen os propietarios das licenzas dos temas (incluído Michael Jackson, que tamén saca tallada) á hora de permitir versionalos.
O caso é que semella que sopran ventos novos en Abbey Road, polo menos no que se refire a novos tipos de mercado, posto que segundo sinala a revista Fortune, a empresa tecnolóxica Apple está neste intre preto de acadar un acordo coa empresa do mesmo nome (pero de música), que xunto con EMI xestiona os dereitos de The Beatles.
A nova en verdade non sería tal se non fose pola tradicional negativa da discográfica Apple a deixarse levar polos novos tempos que impoñen os internautas e os afeccionados á música en xeral, malia os esforzos de EMI por convencer a aquela. Así, o legado dos de Liverpool é un dos poucoss que aínda non está accesible nos sitios web de venda en liña, xunto coa doutros poucos xigantes como Led Zeppelin.
Mais se ó final a revista Fortune está no certo, as cancións de The Beatles estarían en breve accesibles para os reprodutores iPod e, probablemente, a un prezo máis económico có tradicional.

PUBLICIDADE