O libro dos galegos Álvarez Gómez e Carlos Suárez sobre sistemas de información xa chegou a 50 universidades

mércores, 19 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

A obra en tódolos seus detalles na páxina web de Edisa

O panorama estatal de publicacións sobre as novas tecnoloxías e os seus usos prácticos no ámbito produtivo ten un antes e un despois do traballo desenvolvido polos galegos Álvaro Gómez e Carlos Suárez, responsábeis entre outras cousas do libro Sistemas de Información, herramientas prácticas para la gestión empresarial, do que xa dimos conta nesta web con moito da súa primeira entrega. Pois ben, segundo nos veñen de contar estes especialistas en novas canles dixitais e negocios, a obra vén de chegar á súa cuarta edición, en España e Latinoamérica, o que, unido a unha tirada de 15.000 exemplares (polo de agora), fala ás claras do interese xerado por este exhaustivo traballo, en boa medida un manual práctico das cousas que debéramos facer para tirarlle o máximo rendemento ás TIC co fin de incrementar a competitividade do noso negocio e afianzarnos nun mercado onde xa case nada se fai sen tecnoloxías de por medio.
Segundo engaden os seus autores, un dos máximos puntos fortes do libro é a súa utilidade como fiel reflexo da experiencia deles mesmos, Álvaro e Carlos, dous enxeñeiros galegos de Telecomunicación comprometidos, sinalan, co desenvolvemento produtivo da súa terra. “Publicamos a primeira edición hai 8 anos”, comentan, “pensando en que ía ter unha boa acollida no mercado empresarial, aínda que logo descubrimos que onde mellor foi recibida esta obra foi no ámbito académico”. Este éxito no eido académico débese, na súa opinión, á vontade por mesturar enfoques dun xeito equilibrado e coherente: por unha banda o enfoque práctico (que vén da experiencia de 20 anos dos autores no mundo empresarial) e pola outra o rigor académico que esixe o ámbito universitario (os responsábeis da obra son doutores en diversas materias e teñen tras de si experiencia no desenvolvemento de traballos bibliográficos sobre estas cuestións).
Logo de oito anos de vida nos andeis dos investigadores e dos profesionais das telecomunicacións e das novas tecnoloxías, o balance non pode ser máis positivo: catro edicións en España e outras catro en Latinoamérica, cunha tirada que rolda os 15.000 exemplares (cifra que para unha obra sobre un tema tan específico e tecnolóxico só pode ser cualificado de “éxito) e con presenza como libro de referencia en máis de 50 universidades de ámbalas beiras do Atlántico. Con todo, as cifras que se achegan non son determinantes nin definitivas, sobre todo no que se refire á presenza da obra nos ámbitos académicos, xa que é probábel que o libro estea presente en máis universidades das que se pensa. “Seguramente apareza en moitas máis”, aclaran os autores, “pero logo dunha busca levada a cabo durante un par de días localizamos o libro na bibliografía de carreiras de Administración de Empresas ou de Enxeñarías de máis de medio centenar de institucións educativas superiores; e en case tódolos casos o libro non aparece como unha referencia máis, senón que se cita como libro de texto da materia en cuestión”.
Polo que respecta ás novidades que van aparecendo con cada labor de actualización dos contidos, precisa para unha obra que trata sobre algo móbil e dinámico como a Sociedade do Coñecemento, dicir que con cada edición aplícase un bo número de cambios con respecto á inmediata, o que responde á arela dos autores de conseguir que o libro estea axeitadamente actualizado, a disposición dos profesores, cada dous ou tres anos. A materia esíxeo, comentan. Nesta cuarta edición, amais de ter renovado os capítulos con datos recentes, foron introducindo todo o relativo ás redes sociais na xestión empresarial ou aos modelos SAAS (nas súas siglas en inglés, Software As A Service). Tamén se incluíron cen cuestións de debate ou casos de tipo práctico para que “o libro sexa un apoio importante para os novos modelos docentes, nos que se dá un peso importante ao traballo do alumno”.
Como dixemos, os autores desta obra son Álvaro Gómez Vieites (doutor en Economía pola UNED e enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo) e Carlos Suárez Rey (doutor enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Madrid e executive MBA e PAD pola Escola de Negocios Caixanova).

PUBLICIDADE