O mago Íñigo Sáenz de Urturi introduciranos na comunicación intelixente na era dixital, o día 8 en Santiago

mércores, 6 de novembro do 2013 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) está a ultimar estes días unha actividade de seu sobre metodoloxías para expresarnos nunha contorna corporativa. Falamos dun obradoiro-curso que busca achegar aos asistentes diversas metodoloxías para incrementar as posibilidades de acadar algo que nos tempos que corren, con axendas tan apertadas, é cada vez máis complexo. Referímonos a comunicar exactamente o que queremos comunicar, e aínda por enriba facelo ben. O curso Expres-Arte virá da man do mago e empresario Íñigo Sáenz de Urturi, e xirará arredor da comunicación intelixente na era dixital. A charla formativa terá lugar o vindeiro día 8 de novembro na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, de 19.00 a 21.00 horas.
O CPEIG proponse, coa organización deste curso, promover a innovación en aspectos relacionados coa comunicación oral no eido empresarial mediante o fomento de competencias, habilidades e o coñecemento de metodoloxías complementarias que axudarán aos asistentes a coñecer o poder da palabra. Segundo o relator, “a interacción persoal, a comunicación oral, é vital e non se obvia, nin sequera se pode enmascarar a través dun e-mail, un tuit ou un SMS porque subxace. Por este e outros motivos, engade, “é transcendente realizala de xeito eficaz e intelixente para maximizar o tempo e os recursos”, apunta Sáenz de Urturi.
A cota de inscrición para asistir ao curso Expres-Arte é a seguinte: membros colexiados ou precolexiados, de balde; non colexiados e non precolexiados, 10 euros. Para inscribirse, cómpre cubrir o formulario de inscrición dispoñíbel no portal do CPEIG.
Lembrar que Íñigo Sáenz de Urturi é un experto en comunicación interpersoal. A súa carreira como mago profesional durante máis de 28 anos concédelle un alto grao de entendemento dos patróns da comunicación humana que, unido á súa experiencia en dirección comercial e xerencia da súa empresa, Be Magic S.L., conforman un perfil atractivo que xa lle valeu o alcume de O Mago da Comunicación.

PUBLICIDADE