O noso clúster alimentario participa nun proxecto europeo para dixitalizar as PEME do sector

venres, 28 de febreiro do 2020 Redacción

O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) forma parte, xunto a doce socios europeos máis, do proxecto S3FOOD, que ten como obxectivo fomentar a dixitalización da industria alimentaria a través da implantación de sensores intelixentes nos procesos de produción. Trátase dunha iniciativa financiada polo programa de investigación e innovación Horizonte 2020 da Unión Europea cun orzamento que supera os 5 millóns de euros e unha duración de tres anos.
En termos concretos de recursos cos que beneficiar ao noso tecido produtivo, S3FOOD presentou o seu plan de financiamento co que as PEME que sexan seleccionadas poderán recibir unha subvención de até 60.000 euros, que lles axude na súa transición cara á Industria 4.0. En palabras do coordinador do proxecto, Veerle De Graef, o proxecto responde “as crecentes demandas de eficiencia de recursos, seguridade e calidade alimentaria e transparencia nas cadeas de valor”.
Todo o devandito tradúcese en axuda e financiamento, por parte dos socios de S3FOOD, ás PEME que avancen na súa dixitalización para facer fronte a estes retos. As empresas galegas interesadas en acceder ao plan de financiamento deberán para iso ser socias do Clúster Alimentario de Galicia e dispor dun proxecto de dixitalización que se clasifique nalgunha das seguintes categorías: sensores para monitoraxe en tempo real, integración de sensores ou xestión intelixente de datos; e que, ao mesmo tempo, aborden un reto específico do proceso de produción na industria.
Ademais, se algún proxecto involucra a diferentes socios de S3FOOD, as empresas poderán obter até 180.000 euros se cumpre unha serie de condicións e requisitos. Na web de S3FOOD hai dispoñíbel máis información sobre estes cheques.
O proxecto pretende mobilizar a 2.000 empresas europeas, das que se prevé que 200 participen en eventos de colaboración ou matchmaking.

PUBLICIDADE