O novo Humble Bundle inclúe títulos que poden xogarse no ordenador ou en dispositivos con Android

martes, 1 de abril do 2014 Marcus Fernández

Broken Sword 2</Em> é un dos xogos incluídos neste Humble Bundle (sendo o único do lote que non conta con versión para Linux)

Durante as vindeiras dúas semanas a iniciativa Humble Bundle ofrece por un prezo a definir por cada comprador un curioso lote de videoxogos que na súa meirande parte están dispoñibles para Windows, OS X, Linux e Android, curiosa combinación de plataformas que atende á cada vez maior demanda de xogos para dispositivos móbiles. Os xogos básicos deste lote son a aventura gráfica Broken Sword 2: The Smoking Mirror, o simulador Bridge Constructor, o curioso xogo de exploración tipográfica Type: Rider e o xogo de rol de acción Ravensword: Shadowlands; aos que engadiranse os xogos Kingdom Rush e Knights of Pen & Paper de pagar máis da media (pouco máis de 2,66 euros no momento de escribir estas liñas).
Este paquete de xogos tamén inclúe as súas bandas sonoras e achega fondos a entidades benéficas como Froiteiras Electrónicas (EFF) e Child’s Play Charity. Como vén a ser costume nos lotes de xogos desta iniciativa, nos vindeiros días iranse incorporando máis xogos para facer máis atractiva a selección de títulos incluída, que tamén recibirán os usuarios que paguen máis da media dende o primeiro momento.

O RPG de acción Ravensword: Shadowlands tamén forma parte desta recompilación solidaria


Trailer deste Humble Bundle que inclúe xogos multi-plataforma que podemos executar en ordenadores e dispositivos con Android

PUBLICIDADE