O novo buscador de Microsoft adianta a súa estrea

luns, 1 de xuño do 2009 Marcus Fernández

A semana pasada Steve Ballmer presentou en sociedade o buscador intelixente Bing, que chegaría ao público o vindeiro mércores, pero sorprendentemente hoxe xa está dispoñible, aínda que na versión que chega a Europa o produto está en probas, o que non lle impide amosar unha calidade nos seus resultados de busca que sorprende para un buscador tan novo, e que mesmo presenta unha interface de usuario en galego.

Os resultados que consegue Bing están á altura dos que podemos acadar en Google (aínda que a versión internacional do novo buscador estea limitada).

A versión que podemos ver dende España completa as nosas buscas de páxinas web con imaxes, pero non presenta información bibliográfica, xeográfica ou de vídeo das nosas buscas, polo que non achega o que prometían dende Microsoft, cuns resultados de busca menos completos que os que dá Google (especialmente en contidos susceptibles de amosar vídeos nos resultados, que cada día son máis), o que entendemos que responde ao feito de que estamos ante unha beta, posto que nos EE.UU. o buscador xa localiza tanto vídeos coma mapas (xunto con moitas outras funcionalidades), de aí que non podamos valorar axeitadamente este novo servizo web que está a recibir boas críticas.
Supomos que nos vindeiros meses Bing irá mellorando na súa versión internacional para pórse ao nivel do buscador norteamericano, podendo incluso ameazar o dominio de Google nas buscas na web, aínda que para iso deberán loitar duramente contra a inercia do buscador máis utilizado do mundo.

PUBLICIDADE