O novo certame de Galiciencia bate records de participación

mércores, 27 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Participantes da edición do ano pasado na Tecnópole de San Cibrao das Viñas, Ourense

Galiciencia, o certame da Tecnópole para impulsar vocacións investigadoras, vai a máis. Segundo informa o complexo empresarial galego, a quinta edición deste concurso-mostra recibiu un total de 85 proxectos científicos, o que obriga á organización da feira investigadora, probablemente a maior do noso país, a facer por vez primeira unha escolma. Deste xeito, da devandita cifra de iniciativas achegas, Galiciencia reservarase entre 50 e 55 para a súa exposición na carpa que se vai habilitar no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), nos arredores do CEI, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. A mostra, que conta co patrocinio da Consellería de Economía, celebrarase este ano os días 24, 25 e 26 de novembro. Durante estas xornadas, equipos de estudantes de Secundaria e Formación Profesional chegados de todo o eido xeográfico galego amosaranlle ao público as súas iniciativas tecnolóxicas, nunha xeira colectiva de coñecemento que tamén contará coa presenza de equipos de Catalunya e Euskadi.
A rapazada participante, que terá cubertos os servizos de desprazamento, estancia e instalación, terá ao seu alcance todo tipo de actividades paralelas divulgativas (abertas tamén ao público en xeral) e unha área de lecer na que poderán ocupar os seus ratos libres en diversos xogos non exclusivamente tecnolóxicos, como o futbolín e os dardos, e outros de índole máis dixital, como as videoconsolas.
Polo que respecta ás ditas accións de divulgación, dicir que de novo o comunicador-investigador Adolf Cortel visitará Galiciencia co obxectivo de achegar unha nova serie de relatorios sobre os milleiros de maneiras de abordar o traballo científico dun xeito divertido. Nesta ocasión, informa a Tecnópole, “os seus espectaculares experimentos conmemorarán o cincuenta aniversario do láser”. Deste xeito, e mediante experimentos con potentes láseres de distintas cores, explicarase o porqué do seu uso en quirófanos ou shows en espectáculos e discotecas.
Polo que se atinxe aos obradoiros, un deles estará relacionado coa celebración do Ano Internacional da Diversidade Biolóxica, con especial presenza do reino das plantas. Noutro deles tratarase de que os asistentes obteñan coñecemento sobre o funcionamento do cerebro humano a través de experiencias sensoriais. Por último, os máis pequenos gozarán da busca da fórmula ideal de xabón para facer as mellores pompas.
Ademais, nos corredores do edificio que acollerá os talleres estarán expostas as obras de dúas coleccións de pintura dedicadas á ciencia.

PUBLICIDADE