O novo disco de Adele circula pola Rede días antes do seu lanzamento

mércores, 18 de novembro do 2015 Marcus Fernández

A filtración do disco podería vir dunha posta á venda accidental (aínda que os representantes de Adele negan tal rumor)

Este venres sae á venda o agardado novo álbum de Adele, 25, que prometía ser o meirande éxito da industria musical en todo o ano se atendemos a que só o seu primeiro sinxelo, Hello, superou os 400 millóns de reproducións en YouTube en só 3 semanas; pero unha vez máis as vendas poderían verse freadas radicalmente pola ansia de numerosos seareiros da artista que sucumbirían á tentación de facerse o disco a través da Internet con dous días de antelación e de balde.
Os temas do novo disco están circulando libremente pola Rede despois de que xurdisen comentarios de que unha cadea de tendas puxera o disco á venda antes de tempo (o que negaron os representantes de Adele), de xeito que, fose esa ou non a fonte da filtración, o certo é que o disco está a copiarse indiscriminadamente, o que é algo que acontece con practicamente calquera disco pero, ao acontecer antes do lanzamento oficial provoca un dano especial difícil de medir.

PUBLICIDADE