O novo talento galego en TIC, protagonista dos premios Olimpíada Informática Galega

luns, 2 de maio do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou este sábado 30 de abril, na Cidade da Cultura (Santiago), o acto de entrega de premios da Olimpíada Informática Galega (OIG 2022), certame organizado coas tres universidades públicas galegas coa colaboración do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC). O obxectivo foi recoñecer o novo talento galego no ámbito das novas ferramentas. Os dezasete participantes recolleron os seus diplomas. Cómpre lembrar que o gañador absoluto desta edición (a primeira) foi o estudante Óscar Carballo.
O evento, que tivo lugar no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura de Galicia, contou coa asistencia do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio E. Abalde; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; representantes das escolas e facultades de Informática de Galicia; o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; outros membros da xunta de goberno colexial, así como os patrocinadores da OIG e os participantes acompañados polas súas familias, directores e profesores dos seus centros de ensinanza.

Óscar Carballo recibindo o galardóns de mans do conselleiro Román Rodríguez

O presidente Fernando Suárez agradeceu a colaboración e apoio dos dezaseis patrocinadores, entidades e empresas do sector TIC (Abanca, Apser, Atos, AWS, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Extreme Networks, Google Cloud, Grupo Tesalia–Emetel, Minsait -Indra-, NetApp, Plexus e Sixtema) que “co seu patrocinio ofreceron premios adicionais para os sete primeiros clasificados”. Suárez resaltou o nivel dos participantes, demostrado tamén na participación dos dous primeiros clasificados no concurso nacional. “Esperamos que sexa a primeira de moitas edicións”, dixo.
Na súa intervención, o conselleiro aproveitou para felicitar a Óscar Carballo, gañador absoluto desta primeira edición da Olimpíada Informática, de quen destacou “o seu probado talento, tamén cunha meritoria medalla de bronce na Olimpíada Informática Española”. Segundo Román Rodríguez, este alumno do colexio La Paz da Coruña, é un exemplo de que en Galicia “hai talento informático e un futuro moi prometedor”. Rodríguez estendeu a felicitación ao resto de alumnos clasificados. Amais, agradeceu ao CPEIG e ás tres universidades a organización de eventos coma esta Olimpíada, “posto que se trata de fórmulas que incentivan aos alumnos ante desafíos reais” e “que fomentan o coñecemento e as vocacións STEM”.
O reitor da UDC Julio Abalde felicitou aos participantes e destacou que todos eles teñen mérito suficiente para estar hoxe aquí, aínda que indicou que “lle gustaría que houbese máis rapazas para ter magníficas tecnólogas no futuro”, polo que apuntou que “é necesario continuar fomentando as vocacións en STEM entre as estudantes mulleres”. Abalde lembrou que as tres universidades galegas porán en marcha no vindeiro curso o Grao de Intelixencia Artificial, un traballo conxunto que “beneficiará a todo o país” e procurará “un desenvolvemento futuro estábel”, co “obxecto de formar novo talento e retelo para nutrir aos sistema produtivo e empresarial galego”. Comentou tamén que a UDC e o Clúster TIC de Galicia puxeron en marcha a Cidade das TIC, coa transformación da antiga Fábrica de Armas da Coruña, “un Polo de Innovación Tecnolóxica que é un proxecto tractor para o sector tecnolóxico”.
Pola súa parte, Antonio López sinalou que, máis alá de calquera outra consideración competitiva, a entrega de premios desta Olimpíada “enxalza o talento novo, a creatividade e a capacidade de poñer en práctica o coñecemento”. E salientou: “Os premios son un recoñecemento necesario para quen se ten esforzado por acadar unha meta e tamén un estímulo para seguir medrando. Como universidade sentímonos honrados de poder contribuír a este recoñecemento a quen axiña atoparemos nas nosas aulas e a quen deberemos ser capaces de seguir apoiando no seu crecemento”.
13 rapaces e 4 rapazas da Coruña, Ourense, Santiago, Vigo, A Estrada, Culleredo, Noia, O Barco de Valdeorras e O Porriño
A Olimpíada Informática Galega (OIG 2022) celebrouse o 11 de marzo na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), na Escola Superior de Enxeñaría en Informática do Campus de Ourense da Universidade de Vigo (UVigo) e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago (USC).
No certame participaron 17 estudantes –13 rapaces e 4 rapazas– de educación secundaria –ESO–, bacharelato e formación profesional de grao medio, procedentes de once centros educativos das cidades da Coruña, Ourense, Santiago e Vigo, pero tamén de localidades como A Estrada, Culleredo, Noia, O Barco de Valdeorras e O Porriño.
Os premios foron os seguintes:
-1º clasificado, Óscar Carballo Puebla: 400 euros e asistencia á XXVI Olimpíada Informática Española.
-2º clasificada, Paula Taibo Suárez: 300 euros e asistencia á XXVI Olimpíada Informática Española.
-3º clasificado, Stevan Lino Gartz: 250 euros.
-4º-7º clasificados, Javier Manotas Ruiz, Isabel Villar García, Marcos Álvarez García, Ares Caamaño Martínez: 200 euros para cada un.
-Mellor programadora femenina, Paula Taibo Suárez: 150 euros.
-Mellor participante da ESO, Isabel Villar García: 150 euros.
O resto dos participantes foron: Daniel Ruibal Balboa, do IES Manuel García Barros da Estrada; Iago Ávila, do IES Campo de San Alberte de Noia; Laura Antelo González, do IES Campo de San Alberte de Noia, Jorge Gómez García, do IES Agra do Orzán da Coruña; Manuel García Madriñán, do IES Manuel García Barros da Estrada; María Alonso Iglesias, do IES 12 de Outubro de Ourense; Mario Prada Rodríguez, do IES Marta Guisela do Barco de Valdeorras; Miguel Palmer Díaz, do IES Martaguisela do Barco de Valdeorras; Nicolás Freiría Casal, do IES Ribeira do Louro do Porriño; e Yago Moreno Martín, do CPR Colexio Manuel Peleteiro de Santiago.
Os dous finalistas galegos –Óscar Carballo e Paula Taibo– acudiron á Fase Nacional, celebrada en Madrid os días 2 e 3 de abril. Óscar Carballo Puebla, natural de Castro de Rei (Lugo) e estudante de formación profesional do CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña, conseguiu a medalla de bronce na Olimpiada Informática Española (OIE) situándose no posto número 9 con 489,5 puntos (outorgáronse 4 medallas de ouro, outras catro de prata e outras tantas de bronce). Recibiu de premio 500 euros.
A segunda participante galega na fase nacional, Paula Taibo Suárez, estudante de 2º de Bacharelato do IES Rego de Trabe de Culleredo, recibiu un diploma de mención como finalista do certame.

PUBLICIDADE