O parón nas vendas leva ás operadoras a recortar o seu investimento en redes

mércores, 5 de agosto do 2009 Fernando Sarasketa

A crise é coma un xogo de naipes: se cae un, cae todo. Así, a menos demanda sobre un produto determinado, menos se vai tratar de mellorar ese produto e o servizo que ofrece. Isto, detalle máis ou detalle menos, é o que está a acontecer a día de hoxe co eido das telecomunicacións en España: unha situación que, sen ser catastrófica, si que deixa evidenciar sinais de ralentización motivada pola crise. No que máis se está deixando notar este parón nos ingresos é sen dúbida no investimento no despregue de redes, que vén de ser obxecto dunha redución do 32%. Segundo conta Expansión, o proceso é xeral e afecta a todas as grandes operadoras de telecomunicacións que operan no eido estatal. Dito doutro xeito e para que se entenda: a falta de cartos (motivada polo descenso nas vendas, motivado á súa vez polo noso menor poder adquisitivo), vense na obriga de reducir gastos. E por onde? Pois moi sinxelo: pola mellora no seu servizo.
Así, o investimento das ditas compañías durante o primeiro semestre situouse nun 32% menos ca no mesmo período do ano anterior, que representa unha cifra de 1.041 millóns de euros, ou sexa, 486 millóns de euros menos postos en xogo.
Por certo que os devanditos números abranguen os datos amoreados de reforzamento material en España de Orange, Telefónica (cun medre do 30% no financiamento), Ono (quen aplica o meirande recorte, cun 52%) e Jazztel. Como detalle a ter en conta, cómpre dicir que nese reconto non se inclúe a información achegada por Vodafone simplemente porque esta non a achegou. A principal consecuencia de todo isto, din os especialistas, é a ralentización no pulo ao desenvolvemento das novas redes de alta velocidade (fixo, móbil) que tan directamente afectan ao afianzamento da Sociedade da Información no territorio español, un escenario moi necesitado de apoios para acadar uns niveis de vida dixital equiparables aos do resto de Europa.
Asemade, do progreso ou non das devanditas infraestruturas tamén depende o medre (ou non) de practicamente todo o tecido produtivo español, sexa do sector que sexa.

PUBLICIDADE