O polémico John McAfee centra a estrea de Wired no formato Kindle Single

luns, 19 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Portada do artigo de Joshua Davis para Wired

As figuras de Eugene Kaspersky e John McAfee son recoñecidas como auténticos pioneiros do software anti-virus comercial, pero este último está a acadar relevancia mediática non pola súa actividade comercial en McAfee, senón pola súa polémica vida privada, xa que o considerado como desenvolvedor do primeiro anti-virus informático comercial foi arrestado en Belice o pasado maio por elaborar drogas e ter unha arma sen licenza, e actualmente está en busca e captura polo asasinato dun veciño. Aínda que McAfee non fose acusado formalmente, o feito de que a súa vida estea rodeada de asasinos, prostitutas e xente de dubidosa reputación está a facer que a súa persoa resulte de grande interese, o que veñen de aproveitar dende a revista Wired para experimentar con novos formatos de publicación, de xeito que un grande artigo elaborado por Joshua Davis durante os meses nos que puido acceder e entrevistar a McAfee (antes da súa desaparición), vén de publicarse de balde para os actuais subscritores da revista á vez que está tamén dispoñible en formato de libro electrónico a través da plataforma Kindle de Amazon, que conta dende hai tempo coa posibilidade de editar Kindle Singles, textos sen a entidade dun libro completo que serve como exploración para o xornalismo, os ensaios, o humor e os relatos curtos.
John McAfee’s Last Stand é o título deste interesante texto que puido adquirirse por 0,99 dólares, o que parece un prezo o suficientemente axustado para non afastar ao público e animar ao pagamento por contidos que van máis aló dun par de páxinas dunha revista.

McAfee coas súas amigas Samantha Marie Vanega e Timesha Tifara Requena no peirao da súa casa en Caio Ambergris (Belice)

PUBLICIDADE