O portal Proxector comeza o curso con doce pezas audiovisuais para revolucionar a educación

mércores, 7 de setembro do 2022 S. P.

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura, comezaron setembro e a nova tempada escolar con máis contidos en Proxector, iniciativa web habilitada coa finalidade de achegarnos á divulgación e ao coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos. Os novos contidos incorporados teñen que ver, precisamente, co tema docente.
Trátase do especial A educación: cambiar o presente para mellorar o futuro. Inclúe 12 pezas audiovisuais seleccionadas de entre o fondo de Proxector para difundir análises, demandas, experiencias e propostas de cara a apoderar a educación como motor que transforme o tempo que nos agarda.
En formato presentación, tamén podemos ver estes contidos nos espazos do Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Este novos especial reúne pílulas que reflexionan sobre reorientar o ensino na dirección axeitada para acadar un cambio necesario na sociedade, poñendo o foco, tamén, no potencial de incorporar á aprendizaxe a linguaxe audiovisual ou os recursos tecnolóxicos, da man doutras compoñentes esenciais como a empatía e a afectividade. “Atoparemos experiencias que inspiran e outras que invitan ao debate, poñendo o foco no alumnado e tamén no profesorado; alén da demostración, a través de todas elas, do poder da educación para transformar a vida das persoas e darlle ao planeta a oportunidade de converterse nun mundo mellor”, explican dende o Servizo de Normalización Lingüística da USC e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.
O especial ábrese cun vídeo de Xosé Manuel Dopazo, profesor de Lingua e Literatura e director do IES Maruxa Mallo, que nos propón tres accións “moi simples” que contribuirían a mellorar o actual sistema educativo. Prosegue con dous audiovisuais (traducidos ao galego) de sir Ken Robinson, experto en creatividade, que fala da necesidade de realizar un cambio radical na educación, para converter as escolas estandarizadas en centros de ensino personalizados que creen as condicións idóneas para que o alumnado desenvolva realmente o seu talento e as súas aptitudes naturais.
Nova andaina de Proxector
Impulsada en 2015 polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago, a páxina comezou o ano 2022 con novos folgos e, nun plano máis concreto, con 600 vídeos didácticos feitos ou subtitulados en galego.
Esta segunda vida de Proxector foi dada a coñecer en xaneiro de 2022 por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O gran obxectivo, sinalaron, é “mostrar materiais científicos, de calidade e na nosa lingua, dirixidos a docentes e alumnado universitario e de ensino medio”.
Funcionamento de Proxector
Os vídeos do portal están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregábeis que permitirán filtrar resultados. “Co ánimo de apoiar a introdución do portugués no sistema educativo galego, tamén ofrecemos vídeos gravados ou subtitulados neste idioma”, explicaron aos asistentes á presentación do portal.
Aínda que esta nova etapa conta con 600 vídeos, Proxector é un catálogo que está en continua actualización e está pensado para que a comunidade didáctica engada contidos.
Os comezos
A Universidade de Santiago puxo a andar en 2015 unha iniciativa para compilar recursos educativos en galego. Fíxoo a través do portal educativo Didactalia e só para o eido universitario. En 2018 o Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía.

PUBLICIDADE