O portal Proxector publica un especial sobre as principais ameazas ambientais do noso mar

mércores, 1 de xuño do 2022 S. P.

O portal Proxector, ferramenta de divulgación en galego posta en marcha en 2015 polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago, vén este mes de xuño cunha importante novidade. Concretamente, a publicación do especial A vida no mar. Costas galegas e ameazas ambientais, que inclúe todo tipo de materiais para ilustrarnos sobre a situación de grave risco na que viven os océanos pola acción do ser humano e as cousas (pequenas e grandes) que podemos facer para pórlle freo á degradación.
Entre os contidos inclúese un repaso pormenorizado polos principais desastres ecolóxicos que asolaron o litoral galego nas últimas décadas, dende a catástrofe do petroleiro Urquiola en 1976 na Coruña (que sobordou 100.000 toneladas de cru que chegaron ata as rías de Betanzos, Ferrol e Ares, adentrándose 3 km pola canle do Eume) até o afundimento máis recente do Prestige, cuxas manchas de fuel chegaron mesmo á costa francesa e cuxo impacto ambiental segue aínda evidenciándose.
No especial lémbrase que a ameaza segue presente, aínda que non se fale dela nos medios: “Na actualidade, arredor do 70 % do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia e un terzo dese tráfico transporta mercadorías perigosas”.
Este especial, publicado online en Proxector ás portas do Día Mundial do Medio, reúne estudos sobre o sistema costeiro galego, os fondos mariños e algunhas das agresións que lles afectan.
Con este especial vén a complementarse un catálogo de recursos que non para de medrar, de feito Proxector enfiou este 2022 con máis de 600 vídeos en galego divulgativos e didácticos.
Os comezos
As orixes de Proxecto están en 2015, cando a Universidade de Santiago puxo a andar unha iniciativa para compilar recursos educativos en galego. Fíxoo a través do portal educativo Didactalia e só para o eido universitario. En 2018 o Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía.

PUBLICIDADE