O portal dos programas públicos brasileiros cumpre cinco anos de intensa actividade

xoves, 12 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Se hai un país que poidamos considerar como exemplo de difusión e impulso do software libre é en boa maneira Brasil. Este apoio á programación aberta cobra especial importancia esta semana en curso, coa celebración no país irmán (hoxe xoves, quinta feira) dos cinco anos de actividade do Portal do Software Público, unha iniciativa do Goberno do ex presidente Lula para dar corpo definitivo á súa “crença na possibilidade de criar um ecossistema de desenvolvimento compartilhado de softwares e de gerar emprego e renda com o total respeito às prerrogativas legais brasileiras”, sinálase no portal arestora en celebracións.
O acubillo de programas foi posto en marcha un día como hoxe, 12 de abril, do ano 2007. Ao longo dese tempo, foi quen de inserir no seu seo, co obxectivo de poñelas ao alcance da cidadanía, até 55 solucións de empresas, órganos de goberno, institucións de ensino e internautas de a pé.
Por certo que este ano que estamos a vivir o portal, lonxe de ver diminuída a súa pegada, aínda foi máis lonxe, sobre todo a partir da posta en marcha dun rexistro para axilizar a adquisición de servizos para programas informáticos públicos, un recurso que segundo se nos conta dende o Portal, está a facer que a adopción de softwares públicos polo Goberno federal medre de maneira máis racional e rápida.
A celebración dos cinco anos desenvólvese este xoves na cidade de Brasilia, en horario de 9 a 12 horas (para nós, os actos estarán activos até as 17.00), achegándose a posibilidade de velo en directo a través da Rede. Trátanse temas como o futuro do portal ou os métodos para mellorar a ampliación do ecosistema do software público.

PUBLICIDADE