O porvir do comercio electrónico, ao detalle na nova edición do Congreso Payments Cit

mércores, 13 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

O futuro do comercio electrónico podemos coñecelo de moitas maneiras. A canle máis habitual é a de agardar a que veña, pero en actividades produtivas raramente se ten en conta esta opción. E máis nun universo económico como o que nos atinxe, o tecnolóxico-dixital, onde todo acontece coma se voase. Polo tanto, non semella unha mala opción acudir a xuntanzas profesionais onde recoller as opinións dos expertos para logo tirar as nosas propias conclusións. E a concorrencia de expertos será, precisamente, un dos pratos fortes do Congreso Payments Cit 2013, segundo contan os seus responsábeis. Esta xuntanza, que vai pola súa edición XVI, celebrarase a semana vindeira, o martes 19, no Hotel Meliá Avenida de América de Madrid. Segundo insisten os seus organizadores, estamos ante o encontro “máis relevante do panorama estatal en medios de pago, innovación e comercio electrónico”.
A cita contará coa presenza de empresas patrocinadoras como Sage Pay, provedor independente deste tipo de recursos tecnolóxicos vinculados ás vendas en liña, ou Tecnocom, compañía referente de servizos TIC con forte participación e presenza galega (nútrese da antiga Softgal), que nos fan saber que nesta edición os eixes temáticos principais serán os seguintes: novos métodos de pato, innovación nas empresas financeiras e xestión da experiencia do cliente. No congreso, para facérmonos unha idea clara das cuestións que se van abordar, tratarase de responder á seguinte pregunta: chegarán a substituír os novos métodos de pago (pago móbil, banca móbil ou mobile wallet) ao diñeiro en efectivo?
A xuntanza virá artellada en tres grandes sesións: unha xeral (Payments Cit 2013) e dúas abertas ao público. A xeral consta de seis mesas redondas, incluíndo unha co seguinte epígrafe: Comercio electrónico, haberá converxencia entre o eCommerce e o mCommerce? O programa abrangue a participación de máis de 40 relatores, entre os que figuran profesionais e expertos nos novos recursos de actividades económicas procedentes de entidades como Analistas Financeiros Internacionais, Banco Popular, Visa Europe, Mastercard España e Portugal, Bankinter e as devanditas Tecnocom e Sage Pay.

PUBLICIDADE