O prazo para mercar dominios .tel ábrese hoxe

luns, 2 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

Telnic Limited, o operador de rexistro para o novo dominio .tel (do que xa falamos polo miúdo o outro día nesta mesma web, dando conta da súa gran vantaxe: permítenos ter presenza na Rede sen ter que abrir unha páxina web), vén de anunciar que o prazo para mercar calquera nome de dominio .tel ábrese hoxe ás 3.00 p.m. (GMT). O proceso de obtención da extensión, que segundo informa o operador non inclúe poxas nin longas listaxes de espera, posibilitaralles aos internautas levar acabo actividades comerciais e investimentos dun xeito que a xuízo de Telnic será “especialmente cómodo.” De feito, como dixemos, os dominios .tel non precisan que as páxinas web se integren e hospeden, e segundo se informa nos medios tampouco incorporan custes de mantemento e desenvolvemento.
As previsións, con todo, son variadas: hai quen fala de espallamento fulminante da nova extensión (sobre todo os analistas próximos a Telnic) e hai quen fala dun fracaso semellante ao dos .biz ou .info, que hoxe están practicamente de saldo. A seu favor, amais das vantaxes devanditas, inclúe a seguinte baza: un dominio destas características pódese dar a coñecer decontado con toda a información de contacto que poidamos imaxinar e cara a calquera dispositivo. Por certo que as extensións que se van poñer ao alcance da comunidade internauta terán un prezo fixo: non haberá poxa, pero si que haberá competencia por obter os nomes de meirande pegada.

PUBLICIDADE