O premio Gradiant 2014 salienta unha tese sobre análise xeoespacial

xoves, 9 de outubro do 2014 Redacción

O profesor Francisco Alberto Varela, nunha imaxe de Fran Martínez

O premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014 outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), recaeu finalmente en Francisco Alberto Varela García, polo seu traballo Análise xeoespacial para a caracterización funcional das infraestruturas viarias en modelos de accesibilidade territorial utilizando sistemas de información xeográfica. Como lembraremos, este galardón e todos os que complementan as listaxe dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014 serán entregados no transcurso da XIX Gala das Telecomunicacións de Galicia, a celebrar o vindeiro 24 de outubro, ás 20.00 horas, no Gran Hotel da Toxa, no concello pontevedrés do Grove.
Polo que respecta á investigación feita por Alberto Varela García, o xurado valorou “o potencial deste traballo como xerador de avances na enxeñería civil mediante a aplicación das TIC, e as súas propostas para o mellor aproveitamento das infraestruturas viarias, coa implementación de métodos orixinais de análise da súa funcionalidade, aplicados aos Sistemas de Información Xeográfica, SIX”. Tamén salientou “a súa contribución á xeración de novas patentes e iniciativas empresariais”.
O galardón está dotado con 2.000 euros. Varela, enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, é profesor da Universidade da Coruña.
Grazas ao método que propón a tese de Varela, informa o centro tecnolóxico que dá nome e impulsa este galardón en concreto (Gradiant), é posíbel “asignar múltiples parámetros a cada sección do viario, procedentes de distintas fontes de datos a través de diferentes tecnoloxías, e tratalos de xeito conveniente para xerar nova información a partir deles”. Asemade, permite levar cabo simplificacións xeométricas dos datos establecendo treitos de xeito telemático e segundo os aspectos que se precisen, sendo o obxectivo disto acadar un manexo máis doado da información sobre os SIX (Sistemas de Información Xeográfica) e executar sobre ela variadas técnicas de análise”. O xurado tamén valora a súa contribución á xeración de novas patentes e iniciativas empresariais.

PUBLICIDADE