O premio da FIC ao mellor traballo fin de grao xa ten finalistas

xoves, 1 de decembro do 2016 Redacción

A Facultade de Informática da Coruña vén de dar a coñecer que o Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado xa ten finalistas. Á resolución chegouse logo dunha pormenorizada valoración das propostas de dezasete candidatos. Finalmente, as empresas patrocinadoras do certame elixiron cinco das devanditas achegas, tendo en conta, ante todo, criterios de calidade técnica e de aplicación inmediata. Os traballos seleccionados, informa a FIC, abranguen temáticas dispares, aínda que teñan o nexo común de compartiren un miolo tecnolóxico-informático. Esta edición conta co patrocinio de Everis, Grupo Voz, Indra, Instituto Tecnolóxico Galego e Telecom, ademais da colaboración do Centro de Investigación TIC (CITIC) e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC). A resolución dos galardóns celebrase en xaneiro de 2017.
Os proxectos finalistas son os seguintes: Deseño e implementación dunha aplicación web para a xestión de proxectos de homologación de reformas de vehículos para unha empresa real (Esteban Abanqueiro Agrelo), Sistema de Domótica para a xestión enerxética intelixente (Óscar Branco Novoa), Sistema para o manexo e xestión de árbores familiares orientadas ao apoio e ao diagnóstico clínico de doenzas hereditarias (de Elías Grande Cásedas), Control da produción dun viñedo a través de sensores, para mellorar a calidade e aumentar o volume en base a factores externos e internos, accesibles mediante unha interface web (de Josman Pedro Pérez Expósito) e Sistema integrado para a creación e publicación de levantamento catastral na República do Salvador (de Juan Santos García-Toriello).

PUBLICIDADE