O presentador de Órbita Laika, Eduardo Sáenz de Cabezón, imparte este venres unha conferencia no Campus de Ferrol

martes, 16 de abril do 2024 S. P.

O profesor de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidad de La Rioja e presentador do programa de divulgación científica de La2 de RTVE Órbita Laika, Eduardo Sáenz de Cabezón, imparte, este venres 19 de abril en Ferrol a conferencia Á nosa imaxe e semellanza. Unha viaxe ao cerebro da máquina.
O relator, que intervirá ás 19.00 horas no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol, acudirá convidado pola Cátedra Jorge Juan que promove a Universidade da Coruña en colaboración coa Armada e que dirixe a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza.
O doutor en Matemáticas e Computación pola Universidad de La Rioja, Eduardo Sáenz de Cabezón, avanza que “o que coñecemos como Intelixencia Artificial (IA) é un dos avances tecnolóxicos que máis implicacións está a ter na nosa vida diaria nos últimos anos”. Coa súa intervención, o presentador do programa Órbita Laika convidará ao público asistente a reflexionar sobre a IA e as súas implicacións. A entrada á conferencia é libre e gratuíta ata completar o aforo da sala.

PUBLICIDADE