O presidente da Xunta destacou os avances do Executivo no sector TIC durante o encontro estatal organizado por Ineo

xoves, 16 de decembro do 2010 Redacción

No I Encontro de empresarios do sector TIC organizado por Ineo, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo lembrou que unha das primeiras decisión do Goberno galego foi a posta en marcha do Plan de Banda Larga para garantir o acceso a Internet de todos os galegos, e especialmente no rural e destacou que a Axenda Dixital de Galicia 2014.gal como «unha oportunidade económica e social para saír vigorosos da crise. (..) Máis que unha recompilación de actuacións, 2014.gal é unha oportunidade económica: con máis de 900 millóns de euros achegados pola Xunta que xerarán un investimento total de 1.600 millóns de euros; máis de 12.000 empregos ata 2014, e incremento do sector no PIB do 4,8 actual ao 6%, iniciando así a senda da converxencia con España e con Europa no que representa este sector para a economía dun país. E unha oportunidade social, porque as tecnoloxías son un instrumento que permite axudar a conseguir obxectivos de maior alcance en diferentes ámbitos como A sanidade, a educación ou as políticas sociais».
No marco do Plan de Modernización da Administración Pública, referiuse á aprobación do decreto que regula o desenvolvemento da Administración electrónica «que dará soporte as accións que levaremos a cabo para acadar unha Administración sen papeis, máis transparente e aberta 24 horas ao día e 365 días ao ano», e agardan que para «o vindeiro ano a edición do Diario Oficial de Galicia sexa exclusivamente dixital».

Mar Pereira e Alberto Núñez Feijoo e Jorge Cebreiros no I Encontro de empresarios do sector TIC organizado por Ineo

No eido da Educación, destacou que, coa posta en marcha do proxecto ABALAR, as novas tecnoloxías converteranse nun instrumento ao servizo da comunidade educativa e nunha ferramenta que nos axude a aproveitar os enormes recursos de coñecemento que están accesibles no novo contexto dixital.
Así mesmo, subliñou que o 98% da poboación galega xa se beneficia da Historia Clínica electrónica; e púxose en marcha o primeiro plan de sistemas e tecnoloxías da información do ámbito xudicial galego, o Plan Senda 2014, co obxectivo de implantar en Galicia o Expediente Xudicial Dixital e avanzar na integración das tecnoloxías da información na Administración de Xustiza.
E no primeiro semestre de 2011, porase en marcha o Centro Demostrador TIC, que permitirá presentar de forma práctica os produtos e servizos que pode ofrecer o sector en Galicia; facilitar o coñecemento e a achega de solucións tecnolóxicas ás pequenas e medianas empresas.

PUBLICIDADE