O presidente de Secuware aposta en Compostela pola Internet-humana

venres, 31 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

As xornadas sobre futuro da comunicación que está a organizar o Club Internacional de Prensa contaron tamén co punto de vista do sector que está a traballar por situarse entre os internautas que contribúen ao enriquecemento da Rede e os que só contribúen ao seu propio enriquecemento, e a costa dos restantes internautas. A achega da industria da seguridade TIC veu da man de Carlos Jiménez, presidente de Secuware, quen estivo este xoves en Santiago para expoñer os que, no seu punto de vista, serían os materiais de construción da Rede desexables. Ou sexa, da Rede que nos espera (cun pouco de esforzo común e de sorte pola nosa parte).
Ao seu xuízo, e para ir abrindo camiño e preparando alicerces, non hai dúbida da existencia dunha serie de atrancos para o emprego axeitado das canles dixitais e, tamén, para o seu afianzamento. Estes atrancos, que son os mesmos para un caso que para outro, teñen que ver en parte coa piratería pero tamén con elementos externos a ela. Un exemplo: a excesiva robotización do espazo en liña. Ou tamén: as moreas continuas e, en moitas ocasións, repetidas de coñecemento. Coñecemento obsoleto, inútil e en boa medida prexudicial: fainos perder tempo, esforzo e ocupa lonxitude de banda.
Para Jiménez, a sobredose de información vale tan pouco ou menos que a escaseza dela, e a súa aposta vai cara a mensaxes humanas de tecnoloxía. Só así, sinala, a Rede vai ter futuro como canle de comunicación libre, práctica e útil para salvagardar culturas, dereitos básicos e pluralidades.

Jiménez, que estivo acompañado durante a súa sesión no Club de Compostela de Manuel Fernández Iglesias (director xeral de Comunicación Audiovisual), avogou en todo intre por unha Rede máis social, na forma e no contido, de xeito que se lle dea prioridade aos nosos valores propios por enriba dos que son esencialmente económicos, dificilmente beneficiosos para mellorar a calidade de vida da comunidade en liña. Para corroborar a súa afirmación, Jiménez achegou unha serie de exemplos reais de propostas de audiovisual afastados do que se pode entender como todo contacto humano. En boa medida, afirmou, estamos perante o que se podería denominar unha obriga de sensibilizar as mensaxes por parte dos axentes implicados. Con independencia de que logo ese proceso de humanización sirva para que a mensaxe (interesada ou non) teña máis forza, a achega de emoción é máis importante aínda que o propio coñecemento que se queira facer chegar. E proseguiu: “A resolución dos medios actuais non teñen a capacidade de transmitir o que a xente sente, vive, ule... é dicir, o uso dos sentidos”.
Para Jiménez, o mundo está saturado de datos, e ese é un mal que cómpre corrixir. Un exemplo disto foi, na súa opinión, o que aconteceu os días pasados co anuncio do vindeiro lanzamento dun satélite dende Galiza, nova que por un tratamento erróneo pasou inadvertida. E todo iso malia que a información fose a todas luces interesante. Pero fallou a forma.
Isto que é aplicable ás canles comunicativas tradicionais tamén se pode achacar ás redes, “que non están a acadar unha boa transmisión do sentimento”.
Consellos para unha navegación axeitada
O devandito, a falta de compoñente humano das canles dixitais, está en estreita relación cun incremento constatado do factor “engano” na Internet. A Rede, sostivo Jiménez, faiche desconfiar, porque non sabes quen está no outro extremo da liña comunicativa. Na súa opinión, é doado desenvolver tecnoloxía para o calote, e por iso é fundamental humanizar esa tecnoloxía para loitar contra as agresións. “Esta é a miña esixencia para os axentes responsables no desenvolvemento de servizos e canles dixitais”, dixo.

PUBLICIDADE