O presidente do CPEIG achéganos ás claves da protección de datos nun curso da EGAP
martes, 18 de decembro do 2018
O
presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de
Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, vai achegar
o seu coñecemento aos participantes no curso monográfico Protección
de datos e ciberseguridade, que vén da man da Escola Galega de
Administración Pública. E faino este 19 de decembro,
compartindo co público asistentes novos conceptos e recursos de
valor sobre datos persoais e protección en liña. O curso
desenvólvese hoxe e mañá na sede da EGAP en Compostela. Fernando
Suárez é o encargado da dirección académica da actividade
formativa.
O
obradoiro ten como obxecto principal afondar na normativa relacionada
coa protección de datos de carácter persoal e a ciberseguridade
desde un punto de vista teórico-práctico, “sinalando as novidades
existentes e dando conta dos puntos máis esenciais e característicos
da súa aplicación na Administración Pública e, en particular, no
ámbito do sistema universitario”. En última instancia, búscase
botar luz sobre o funcionamento e aplicación da normativa, dando
resposta aos posíbeis conflitos e dúbidas que poidan xurdir do seu
seguimento.
A
xornada de mañá mércores comezará ás 9:30 horas coa intervención
do delegado de Protección de datos da USC, José Luis Fernández. Ás
11:00 horas celebrarase a conferencia do delegado de Protección de
datos do Sergas, Jorge Prado. E finalmente, Fernando Suárez pechará
o curso, ás 13:00 horas, co seu relatorio titulado Ciberseguridade
e protección de datos de carácter persoal, onde explicará o
termo transformación dixital, a importancia da seguridade da
información e as normativas de aplicación.
O
presidente, ao fío da súa intervención no curso, avánzanos que a
seguridade da información “é cousa de todas e todas”, non é
unicamente responsabilidade das unidades tecnolóxicas nin da
dirección das organizacións, senón que todo o persoal debe estar
“implicado, concienciado e formado” xa que a persoa usuaria,
aínda que é a peza máis feble da cadea, pode aplicar medidas de
protección para manter a información que manexa ordenada,
actualizada e segura. E engade: “A seguridade da información é o
conxunto de medidas preventivas e reactivas das organizacións e dos
sistemas tecnolóxicos que permiten resgardar e protexer a
información buscando manter a confidencialidade, dispoñibilidade,
integridade, autenticidade e rastrexabilidade dos datos almacenados
ou transmitidos e dos servizos que os sistemas ou redes de
información ofrecen”.
Ademais,
Fernando Suárez falará dos aspectos máis destacados nunha xestión
do risco para identificar as posísbeis ameazas á información, a
probabilidade de que sucedan e o impacto da materialización da
ameaza, “sempre usando medidas de seguridade proporcionais aos
riscos dos sistemas de información”. Segundo fai saber, “ninguén
queda a salvo dos ataques informáticos, polo que é preciso
protexerse xa que as consecuencias poden ser catastróficas para a
organización”.