O primeiro episodio de République ofrécese de balde esta semana

xoves, 5 de xuño do 2014 Marcus Fernández

O pasado decembro demos conta de République, un xogo de futurista de infiltración que veu a luz grazas a unha campaña en Kickstarter e que presume de achegar a dispositivos móbiles (polo momento só de Apple) uns gráficos e unha experiencia de xogo máis propia de consolas domésticas, e que para facilitar tanto a súa comercialización coma o seu desenvolvemento, reparte a súa acción en 5 entregas episódicas, e para facilitar que os usuarios dean unha oportunidade a este título, durante esta semana poderá descargarse o seu primeiro episodio de balde na App Store.
Deste xeito, os que queiran achegarse a esta aventura poderán facelo sen ter que pagar os 4,49 euros que custa cada un dos seus episodios e, de quedar cativados pola historia, poderemos facernos con cadanseu episodio independente ou a un pase de tempada (que de xeito promocional está dispoñible por 10,99 euros).
Este xogo de sixilo e infiltración sitúanos nun futuro no que un estado totalitario oprime aos cidadáns a través dun grande control das redes informáticas, e teremos que encarnar a Hope, unha moza que pretende acadar a liberdade superando numerosos perigos resolvendo quebracabezas e aplicando estratexias que incluso son posibles mediante un sinxelo control táctil.

No xogo teremos que empregar o sixilo para poder superar complexas situacións

PUBLICIDADE