O programa Fábrica Intelixente e Sustentable chega á súa 5ª edición

xoves, 6 de xullo do 2023 Redacción

A Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia celebrou esta mañá en Santiago de Compostela unha xornada informativa da quinta edición da convocatoria do programa Fábrica Intelixente e Sustentable. Esta liña de axudas, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e cuxo prazo de solicitude estará aberto desde mañá até o vindeiro 2 de outubro, está dirixida a apoiar iniciativas empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego e que se centrarán no desenvolvemento de tecnoloxías dixitais e verdes que serán fundamentais para acadar un modelo produtivo máis innovador. As axudas desta convocatoria son susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa Feder Galicia 2021-2027.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, contextualizou esta liña de axudas no reto de impulsar un novo modelo industrial en Galicia baseado na innovación e nas prioridades europeas da dixitalización e a transición verde, prioridades recollidas na nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.
Argerey animou ao centenar de asistentes á xornada a presentar solicitudes a esta convocatoria que persegue, entre outros obxectivos, estimular que as empresas leven a cabo a súa I+D+i en Galicia, actuar como elemento tractor na mobilización e atracción de capital privado, impulsar a competitividade do noso tecido empresarial e favorecer a cooperación entre organismos de investigación e tecido produtivo.
Ademais, representantes das empresas Benteler, Finsa e Estrella Galicia, beneficiarias en anteriores edicións deste programa, expuxeron a súa experiencia. Benteler, a través do proxecto FIBER 4.0, deseñou e desenvolveu unha factoría intelixente dedicada á fabricación dun innovador eixe traseiro ríxido para a industria da automoción. Finsa implementou na súa fábrica de Ourense un novo modelo de factoría orientada á fabricación sustentable, flexible, eficiente e customizada de novos produtos de madeira de alto valor engadido. Estrella Galicia, pola súa banda, liderou un proxecto de investigación no que se mesturan a biotecnoloxía e as ferramentas 4.0 na industria agroalimentaria para o desenvolvemento acelerado de novas formulacións.

24 millóns de euros para apoiar proxectos até 2026

Dotada con 24 millóns de euros prevé mobilizar 70 millóns para apoiar o desenvolvemento de proxectos até 2026 que permitan seguir avanzando nun cambio de modelo sustentado na competitividade e no coñecemento incrementando a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial galega.
As axudas teñen unha intensidade de entre o 15 e o 60% segundo o tipo de entidade e proxecto e diríxense tanto a pemes como a grandes empresas, así como a organismos de investigación que desenvolvan un proxecto de I+D en colaboración cunha ou varias compañías. Apoiaranse tanto proxectos de I+D, como iniciativas de innovación en materia de procesos ou organización (tanto individuais como en cooperación).
A duración dos proxectos é de catro anualidades (estenderase até o 30 de setembro de 2026) e o orzamento dos proxectos, entre os 2 e os 25 millóns de euros. Entre as novidades desta edición atópanse a necesidade de presentar un informe positivo do cumprimento do principio de non causar dano significativo e un plan de comunicación e difusión do proxecto.

PUBLICIDADE