O programa Fortissimo que coordina o CESGA achega dous millóns de euros para experiencias de simulación

martes, 13 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

A Comisión Europea vén de identificar ao abeiro do seu programa Factorías de Futuro que as prácticas de modelado e simulación son aínda máis importantes para o impulso económico do tecido económico do que se cría nun principio. Especialmente para as pequenas e medianas empresas (PEME), para as que as ditas prácticas -xunto con outras tecnoloxías como a robótica- preséntanse como factores clave de medre e competitividade. Dentro deste eido, salientan as PEME manufactureiras. Para achegarlles estas metodoloxías de traballo, a Comisión deu forma a unha iniciativa denominada I4MS (ICT Innovation for Manufacturing SMEs, InnovaciónTIC para as PEME manufactureiras). Ao seu abeiro, fináncianse proxectos que avalían as posibilidades destas tecnoloxías. Dentro deste programa, cumpre un papel importante o centro galego CESGA.
Máis polo miúdo, o Centro de Supercomputación de Galicia encárgase de facilitar a preparación de propostas de experiencias por parte das PEME de España e Portugal para o proxecto Fortissimo, que vai pola súa segunda edición. “Despois do éxito acadado na primeira convocatoria a través da que se financiarán sete experiencias lideradas por empresas españolas”, informa o CESGA, “o proxecto Fortissimo lanza agora unha segunda achega con 2.000.000 euros de financiamento para incorporar máis experimentos innovadores complementarios aos existentes liderados polas PEME”.
Segundo engaden fontes do centro galego, a iniciativa europea que este coordina a nivel peninsular financia experiencias innovadoras para contribuír ao deseño e a demostración do potencial dun conxunto de servizos de computación de altas prestacións en cloud. “O principal obxectivo de Fortissimo, engade o CESGA, “é facilitar á industria manufactureira europea, principalmente PEME, as vantaxes competitivas e a eficiencia do uso da simulación”. Isto conseguirase a través da provisión de servizos de simulación soportados nunha infraestrutura con tecnoloxía cloud baseada sobre contornas de computación de altas prestacións (HPC).
Resumindo, Fortissimo fará accesíbeis os servizos avanzadas de simulación aos usuarios industriais empregando o concepto de portelo único, un concepto onde hardware, software, coñecemento técnico, visualización e ferramentas estarán dispoñíbeis a tempo completo, ao alcance da man das manufactureiras e as enxeñarías.
Segundo informa o CESGA, Fortissimo acubilla arestora a execución de de 20 casos de usos industriais. A partir de xullo de 2014 arrincarán outros 22 novos casos seleccionados na primeira convocatoria. Os responsábeis da iniciativa buscan agora máis experiencias para investigar e amosar os servizos de simulación para manufactureiras e enxeñarías, complementarios aos xa existentes.
Buscando novos experimentos de simulación
Como dixemos, Fortissimo busca arestora novas experiencias de investigación e demostración, “relevantes desde o punto de vista do negocio dos servizos de simulación para manufactura e enxeñaría”, que utilicen a súa contorna cloud de HPC”. Para iso abriu este mes de maio unha convocatoria de novos experimentos coas seguintes características:
· Financiamento total: 2 millóns de Euros
· Financiamento máximo por cada experiencia: Máximo 250.000.
· Data límite para enviar propostas: 18 de xuño de 2014 ás 17:00 CET
· Datas previstas para a execución: de 1 de xaneiro de 2015 a 30 de xuño de 2016
· Características: proxectos relevantes dende o punto de vista de negocio e con potencial para xerar oportunidades ás PEME manufactureiras a través do uso de servizos de simulación no Fortissimo HPC Cloud; darase prioridade a experiencias complementarias ás existentes; ademais a experiencia deberá incluír todos os participantes precisos na cadea de valor para a execución da mesma e a realización dos servizos.
As empresas interesadas en propor casos de uso e acceder a este financiamento poden contactar con CESGA a través de fortissimo@cesga.es. Tamén poden informarse polo miúdo a través dos webinar públicos que se celebrarán nas seguintes datas:
· O mércores 14 de maio de 2014 ás 11:00
· O luns 19 de maio ás 11:00
· O mércores 21 de maio de 2014

PUBLICIDADE