O programa H2020 e as súas oportunidades de transferencia no eido das Cidades Intelixentes, a debate este mércores na UDC

martes, 9 de decembro do 2014 Redacción

Este mércores celébrase na Universidade da Coruña un encontro destinado a informar en detalle do novo programa H2020, abordando as súas novidades máis relevantes con respecto a anteriores convocatorias e afondando nas características e oportunidades doutros programas internacionais para entidades con vocación de traballar en proxectos colaborativos empresa-centros tecnolóxicos. A xornada A Smart, Blue Horizon 2020, segundo nos avanza o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, que estará presente na cita a través do seu decano (participando nunha das mesas de debate), desenvolverase no paraninfo da Reitoría da UDC.
As temáticas principais, amais dos devanditos programas de colaboración, serán as cuestións da transferencia tecnolóxica, as Cidades e Comunidades Intelixentes e máis o Blue Growth (Crecemento Azul, unha estratexia nova de sustentabilidade para os sectores mariño e marítimo)
A cita comezará ás 9:15 horas, cos saúdos do reitor da UDC, Xosé Luís Armesto, e o director xeral de Investigación da Comisión Europea, Xosé Manuel Silva, para continuar coa intervención do profesor Moacyr Martucci, da Universidade de São Paulo, quen falará sobre Territorios intelixentes. Interface terra-mar.
Ás 10:20 horas chegará a quenda de Ramón Bermúdez de Castro, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, quen disertará sobre Continentes e océanos: o mundo en rede. A doutora Mirta Lewis, CENPAT, falará sobre o Programa arxentino PAMPA AZUL e, xa despois do descanso, intervirá a doutora Vanessa Campo, de RTD, Comisión Europea, coa conferencia Horizonte 2020: Crecemento Azul.
Ás 13:00 horas será a quenda de de Jorge Velasco, do Centro Superior de Investigacións Científicas (Bruxelas), cunha charla sobre O mundo bruxelense da I+i+i: ideas básicas, e a doutora Ana Nieto, RTD, Comisión Europea, que explicará a Avaliación da investigación universitaria respecto ao H2020.
Ás 15:20 horas continuará a xornada con Lluís Botifoll, consultor (Bruxelas) coas súas Propostas de proxectos terra-mar ao H2020, e Emilio Fernández, da Universidade de Vigo, quen falará de Campus do Mar e Blue Growth. O punto final poñerano varios membros da UDC, con Casos de éxito en propostas ao H2020, e José Manuel Silva exporá as conclusións.
Horizonte 2020
O programa Horizonte 2020 (H2020) da Comisión Europea é un dos principais programas de financiamento a nivel internacional. Cun orzamento aproximado de 80.000 millóns de euros para un período de sete anos (2014-2020), H2020 constitúe en palabras da Universidade da Coruña “unha opción de especial relevancia para universidades, centros de investigación e empresas á procura de financiamento para os seus proxectos de I+D+i”.
As primeiras convocatorias deste novo programa comezaron a publicarse en decembro de 2013, prestando especial atención a dúas prioridades temáticas, Blue Growth e Smart Cities and Communities, ás que a UDC lembra que tamén concede “unha importancia estratéxica”.

PUBLICIDADE