O programa INECO RuralTIC volve a Lugo na súa segunda edición

luns, 19 de febreiro do 2024 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou esta mañá de que a provincia de Lugo incorpórase á segunda edición de INECO RuralTIC, o programa de dixitalización do mundo rural desenvolvido pola firma pública INECO, a enxeñería e consultoría do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel. A través deste programa, cinco nómades dixitais de INECO desprazaranse á Pontenova e Sober no marco deste programa que permite aos propios profesionais da firma pública compatibilizar o teletraballo en pequenos territorios de España.
Isabel Rodríguez salientou que “os municipios lucenses convértense deste xeito en dous dos territorios onde INEO RuralTIC desenvolve a súa segunda edición, que desde novembro e ao longo dos próximos meses chegará de forma gradual a 84 municipios españois”.
Así, espérase que outros dous municipios de Lugo, Trabada e Guitiriz, tamén se sumen ao programa.
Íñigo Albar, Víctor Mártil, Diego López, Ángela Arranz e Elvira Ureña, da área Comercial, de Negocio, e de Enxeñería de Sistemas en INECO, continuarán coa súa actividade habitual de maneira remota ao mesmo tempo que apoian a este municipio a través de diferentes obradoiros de dixitalización.
No ámbito social, A Pontenova e Sober teñen interese en mellorar as habilidades dixitais dos seus cidadáns a través das formacións que INECO RuralTIC ofrece en materia de comunicación dixital, correo electrónico, mensaxería instantánea, banca e compra en liña, trámites administrativos, seguridade na internet, etc. Na súa faceta de desenvolvemento económico, o programa INECO RuralTIC permitirá aos nómades dixitais apoiar ás pemes locais con obradoiros sobre tecnoloxía para pequenos negocios, posicionamento dixital e tramitacións electrónicas, entre outros.
Un total de 84 municipios participan nesta segunda edición do programa INECO RuralTIC 2.0 a través do que nómades dixitais da compañía teletraballan temporalmente desde poboacións menores de 10.000 habitantes. “Esta cifra supón dobrar o alcance territorial desta iniciativa que durante os próximos meses chegará a 13 comunidades autónomas e 31 provincias fronte ás 6 e 15 logradas na primeira edición de INECO RuralTIC, respectivamente”, salientou a subdelegada.

PUBLICIDADE