O programa Toponimízate recala este venres en Covelo cunha charla divulgativa
martes, 27 de setembro do 2022
O
Concello de Covelo convida a participar este venres día 30 de
setembro no programa Toponimízate,
unha iniciativa que permite á cidadanía coñecer o manexo dunha
aplicación de teléfono móbil na que rexistrar os nomes dos seus
barrios e lugares. Esta aplicación da Secretaría Xeral de Política
Lingüística e da Real Academia Galega, explican dende o Concello,
está concibida “para rescatar do esquecemento a riqueza da nosa
toponimia e ser unha ferramenta útil que facilite a localización de
propiedades rexistrando toda a nomenclatura existente”.
A
charla informativa será no Auditorio Municipal ás 11:30 horas a
cargo do coordinador da unidade técnica de toponimia do Seminario de
Onomástica da Real Academia Galega (RAG), Vicente Feijóo Ares.
Esta
campaña informativa organizada pola Secretaría Xeral de Política
Lingüística en colaboración coa Real Academia Galega e na que
tamén participa o Concello de Covelo, ten como obxectivo principal
“concienciar á cidadanía da riqueza cultural que se agocha detrás
da microtoponimia galega e o risco que ten de perderse”.
Coa
intención de pór en valor os nomes de lugar locais e implicar á
cidadanía o acto está aberto a todas as persoas interesadas, ás
nais e pais do alumnado CEIP Antonio Rodríguez Blanco (que
participará asistindo á charla divulgativa), ás asociacións e
colectivos municipais que poidan interacturar coas e cos máis
maiores do concello e ás directivas e membros de comunidades de
montes que poderán logo ensinar o manexo da aplicación móbil a
toda a súa veciñanza.
Porase
o foco tamén no portal Galicia
Nomeada, unha aplicación colaborativa que será explicada polo
miúdo na charla do venres para “que todos e todas poidamos
sacarlle a máxima rendibilidade obtendo unha ampla base de datos
xeoreferenciada e normativizada”, explican dende o Concello.
O
alcalde Pablo Castillo anima a todas as persoas a “asistir e formar
parte da recuperación da identidade de Covelo mantendo vivo o seu
coñecemento e a súa riqueza cultural”.