O programa de emprego Coruña Suma remata con máis formación en novas tecnoloxías

luns, 12 de setembro do 2022 S. P.

A Coruña apostou este ano pola formación tecnolóxica para reducir fendas de emprego e fomentar a autonomía, unha aposta que terá continuidade neste punto de inflexión entre o outono e o verán. Será a través do último curso programado do proxecto Coruña Suma, que dará comezo a vindeira semana, dando por rematada a convocatoria de cursos formativos logo de 87 itinerarios ofertados dende o seu inicio. O proxecto Coruña Suma (AP-POEFE) é unha das iniciativas postas en marcha polo Goberno de Inés Rey no presente mandato para a reactivación económica e aumento da inserción laboral.
As accións formativas a desenvolver centráronse en 7 áreas principais: atención a persoas dependentes, comercio, socorrismo, administración e xestión, hostalaría e turismo, industria alimentaria e informática e comunicacións. Nesta última enmárcase a actividade Xestión comercial de clientes con novas tecnoloxías, a última formación do proxecto para a que se ofertan un total de 15 prazas dirixidas a colectivos vulnerábeis en situación de desemprego. A formación é impartida de xeito presencial en quenda de mañá, con horario de 9.30 h a 14.30 h. A súa finalización está prevista o 18 de novembro deste mesmo ano, con case tres meses de formación nos que o alumando recibirá formación no sector das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) en relación coa empresa.
Este mes de setembro desenvólvense outras dúas accións formativas de Coruña Suma: sobre Técnicas de recepción e comunicación e Programación orientada a obxectos con Java. Ambas formacións ofertáronse con 15 prazas cada unha e esténdense ata o vindeiro mes de novembro.
Coruña Suma é unha iniciativa impulsada polo Goberno de Inés Rey e co-financiada polo Fondo Social Europeo, co obxectivo de mellorar a inserción laboral de persoas en situación de desemprego. A través do proxecto, o Goberno municipal puxo en marcha un total de 87 itinerarios formativos, dos que 85 xa se realizaron. As formacións permitiron a inserción laboral de 837 persoas, xunto coas prácticas en empresas e o módulo de adestramento laboral.
A información do proxecto pode consultarse na web de Coruña Suma ou contactando co Centro Municipal de Emprego dos Rosales, no teléfono 981184399 ou enviando un correo electrónico a coruna.suma@coruna.gal.

PUBLICIDADE