O proxecto de libro dixital E-DIXGAL prevé chegar a 6.000 alumnos o vindeiro curso

luns, 10 de agosto do 2015 Redacción

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou xa a resolución provisional pola que se incorporan novos centros ao proxecto de libro dixital E- DIXGAL, enmarcado no Proxecto Abalar, estratexia para integración das TIC no ensino desenvolvida pola Xunta de Galicia. O previsto é que no vindeiro curso 2015/2016 os materiais dixitais, que son totalmente gratuítos para as familias, cheguen a un total de 6.000 alumnos de 5ºe 6º de primaria e 1º de ESO.
Segundo a resolución provisoria, incorporaranse á iniciativa o vindeiro curso un total de 26 centros, dos que 13 serán de educación primaria e 13 de secundaria. Nos 6 restantes impártense as dúas etapas. Deste xeito, o número total de centros participantes no proxecto elevarase a 110.
Os contidos didácticos albérganse nunha plataforma de aprendizaxe virtual á que os alumnos poden acceder, tanto en liña como fóra de liña, a contidos curriculares completos e gratuítos para as familias, facilitados pola Xunta, como a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos. Nesta plataforma, os centros que o desexen poderán analizar unha mostra dos novos contidos dispoñibles para este curso.
No curso 2014/2015 xa gozaron destes materiais un total de 2.300 estudantes de 5º de Primaria de 84 centros educativos de toda Galicia.

PUBLICIDADE