O proxecto galego SubGo achéganos á riqueza submarina galega

xoves, 26 de agosto do 2021 S. P.

Ao abeiro do programa galego-portugués Sherpa Journeys colleu corpo unha iniciativa tecnolóxica que nos aproxima á riqueza submarina do noso litoral e das nosas illas a través de tecnoloxías de realidade virtual, aumentada e mixta. A iniciativa vén da man de Silvia Iglesias e Sara Carrasco, integrantes da cooperativa 13 Grados. SubGo é un proxecto de educación ambiental que pretende achegar ao público os nosos tesouros submarinos.
A iniciativa, que colle pulo arestora no programa de acompañamento ao emprendemento Sherpa Journeys, de Sherpa do Mar, concretarase nun espazo de divulgación itinerante que percorrerá distintas localizacións de interese.
Incluirá fotografías, ilustracións, actividades interactivas e a experiencia inmersiva en 360º polas paisaxes mergulladas da ría de Vigo, que será, segundo indican dende a aceleradora marítima, “o prato forte da mostra”. O obxectivo, indican Sara e Silvia, “é que os visitantes descubran o medio mariño que lles rodea e o seu gran valor patrimonial dunha forma diferente, concienciándoos sobre a súa conservación e sustentabilidade”.
Para a captación e creación do contido visual, as promotoras do proxecto contan con distintos perfís profesionais (técnicos audiovisuais, biólogos mariños, pilotos técnicos de ROV, etc.) e un sofisticado equipo submarino. Os fondos submarinos da ría de Vigo, as súas plataformas de cultivo, os bosques de algas pardas ou as pradarías de zostera serán “as grandes protagonistas destas imaxes”, aínda que o propósito é que “a iniciativa poida expandirse a máis localizacións, tanto a nivel galego como a outras comunidades e países”.
SubGo atópase en fase de desenvolvemento actualmente. “Estamos a tomar as imaxes, revisando os contidos, redactando os guións e creando as actividades de experiencia virtual”, comenta Silvia, engadindo que a previsión é “que o proxecto se lance ao mercado nun prazo máximo dun ano e poida exporse en posíbeis localizacións de interese, como centros educativos, de investigación e divulgación científica, museos ou centros de interpretación”.

PUBLICIDADE