O proxecto turístico da Deputación de Ourense, finalista nos enerTIC Awards

martes, 11 de outubro do 2022 S. P.

O proxecto Hay un Ourense para ti. Descúbrelo da Deputación de Ourense é finalista na categoría de territorios intelixentes e turismo nos premios enerTIC Awards 2022, galardóns dirixidos a recoñecer e visualizar proxectos de innovación enerxética a través da dixitalización. Trala avaliación e a votación por parte do comité de expertos das candidaturas presentadas, o proxecto promovido polo Goberno provincial resultou finalista nesta décima edición dos premios.
O proxecto desenvólvese xunto a Red.es e abrangue unha plataforma smart e aplicacións para móbiles, ademais dun portal web de información turística; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade Virtual e de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.
"Este sistema para experiencias turísticas permite aos visitantes acceder aos recursos turísticos da provincia de Ourense con tecnoloxía vangardista aplicada ao ocio, cultura, termalismo, natureza e gastronomía", destacou Manuel Baltar na presentación dunha iniciativa enmarcada na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es, na que se seleccionaron 24 iniciativas de 9 comunidades autónomas.
A elección dos gañadores realizarase nos vindeiros días, e entre o 10 outubro e o 18 de novembro é o período para as votacións en liña. Os gañadores desvelaranse na cerimonia de entrega dos premios, prevista para o mes de decembro na Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial.
Os premios enerTIC Awards 2022 distinguen dende 2013 aos proxectos tecnolóxicos máis innovadores desenvolvidos por empresas e organizacións públicas comprometidas coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade. Nacen da plataforma enerTIC.org, que ten como obxectivo “contribuír ao desenvolvemento do potencial de transformación das TIC no ámbito da eficiencia enerxética en España co apoio de 85 empresas asociadas e institucións públicas, en favor dunha economía máis competitiva e sustentábel”.


PUBLICIDADE