O reprodutor multimedia VLC estrea versión para Windows 8

xoves, 13 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Tras moitos meses de espera o reprodutor multimedia VLC chegou á tenda de aplicación de Windows 8, o que estaban a agardar moitos usuarios para poder gozar dende a interface moderna de Windows (optimizada para dispositivos táctiles) dunha boa solución para a reprodución de audio e vídeo en multitude de formatos, e aínda que finalmente culminouse este obxectivo, vendo o resultado final enténdese que demorasen tanto o lanzamento da aplicación, pois aínda está nunha fase moi pouco madura do seu desenvolvemento, sendo imposible executarse en numerosos equipos (nos que péchase de súpeto tras a súa execución), conseguindo un desempeño moi mellorable e, especialmente, carecendo de soporte para procesadores ARM, o que é unha eiva moi importante, pois o principal atractivo desta aplicación non é funcionar en equipos con procesadores Intel (que poden executar sen problema a edición de escritorio do reprodutor) senón poder empregarse en equipos con Windows RT.
Podemos levar así a impresión de que haberá que agardar bastantes meses para que esta aplicación funcione dignamente, sendo unha boa nova a súa estrea, xa que senta unhas bases para o desenvolvemento futuro e dá visibilidade a un proxecto que pode resultar de grande utilidade para todos os usuarios de equipos co sistema operativo de Microsoft que non queiran ter que loitar coa conversión de ficheiros multimedia para a súa reprodución.

O VLC para Windows 8 facilita a reprodución multimedia especialmente en equipos con pantalla táctil co sistema operativo de Microsoft

PUBLICIDADE