O satélite español Paz xa está en órbita

venres, 23 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Tras varios adiamentos, o despegue do Falcon 9 conseguiu onte realizarse con éxito, conseguindo pór en órbita o satélite español Paz, que captará imaxes de altísima resolución da Terra, e que foi acompañado por un par de microsatélites que servirán de proba da futura constelación de satélites Starlink, que pretende achegar acceso á Internet de banda larga a todo o planeta a vindeira década (de conseguir permiso das autoridades competentes).
O lanzamento realizouse dende a base da Forza Aérea en Vandenberg (Santa Bárbara) e curiosamente foi captado pola cámara dun usuario de Reddit dende a fiestra dun avión, o que permite contemplar un punto de vista diferente e bastante curioso da posta dun lanzamento que é tan relevante tanto para España como para o resto do mundo.
O satélite Paz captará un cento de imaxes diarias nas que cubrirá a totalidade do planeta. Este satélite de 1.400 quilogramos de peso, 5 metros de altura e 2,4 metros de diámetro moverase a 7 quilómetros por segundo e o seu radar captará imaxes de grande precisión (nun dos seus modos de funcionamento podería chegar a unha precisión de 25 centímetros), o que levou a que o dotasen cunha memoria para imaxes de 256 GB, que transmitiranse a terra a 300 Mbps mediante conexións en banda X.
Os datos achegados por Paz empregaranse para control fronteirizo, intelixencia, control medioambiental, protección de recursos naturais, operacións militares, verificación de tratados internacionais, vixilancia de superficie terrestre, urbanismo, planificación de infraestruturas, avaliación de catástrofes naturais e cartografía de alta resolución, entre outras aplicacións.

Vídeo co lanzamento do Falcon 9

PUBLICIDADE