O seminario de boas prácticas do CPETIG celebrarase grazas á videoconferencia en cinco cidades galegas

mércores, 2 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

O seminario do CPETIG sobre os métodos máis eficaces que as empresas teñen a súa disposición para o impulso dos seus proxectos botará man de canles de comunicación analogamente eficaces e innovadoras. Máis polo miúdo, a xuntanza terá un centro de operacións principal, o Centro Multimedia de Galicia (Telecentro da rúa do Hórreo en Santiago), dende o que de maneira presencial irán desenvolvéndose os relatorios, e catro emprazamentos complementarios que recollerán a transmisión por videoconferencia dos devanditos e ampliarán, deste xeito, a repercusión do propio seminario. Estes catro eixes serán, precisamente, os telecentros de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.
Segundo aclara o Colexio, a medida ten por obxectivo favorecer a asistencia (coa comodidade engadida de non ter que desprazarse as persoas inscritas até Santiago) e normalizar novos xeitos de comunicación empresarial. De feito, engade o CPETIG, os asistentes nos telecentros terán ocasión de participar directamente no seminario dirixíndolles comentarios ou todo tipo de cuestións aos relatores.
Informar que o encontro ten data para o 17 de xuño, e que é froito dun convenio de colaboración asinado entre o CPETIG e a Secretaría Xeral de Modernización. O obxectivo desta xuntanza é presentar relatorios para afondar nos conceptos clave para a xestión de proxectos exitosos no eido da informática nun marco de referencia práctico, dando unha visión ampla ao traballo de enxeñeiros e analistas.
Para isto introducirase a visión das boas prácticas en xestión de proxectos en dous marcos metodolóxicos diferenciados: o modelo CMMI e as metodoloxías áxiles.

PUBLICIDADE