O servidor aberto JBoss, eixe central dun novo seminario técnico no CNTG

luns, 7 de abril do 2014 Redacción

Seguimos a falar de software libre, e máis que falaremos. Desta volta, de JBoss, servidor de aplicacións baseado en Java e, polo tanto, potencialmente utilizábel nunha manchea de sistemas operativos. JBoss, impulsado pola empresa do mesmo nome e logo por Red Hat (dende 2006) ten cubríndolle as costas unha importante comunidade internacional de colaboradores e usuarios. O seu potencial para os nosos profesionais e empresas é grande por estes e outros motivos, de aí que o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) celebre o vindeiro 28 de abril un seminario técnico sobre este servidor de aplicacións. Será no salón de actos, de 16.30 a 20.30 horas.
O obxectivos deste seminario consisten en trasladar aos asistentes os coñecementos relativos instalación, administración, configuración, despregue e protección de JBoss. A sesión está dirixida sobre todo a administradores/as e desenvolvedores/as middleware, a administradores/as de sistemas e, en xeral, a profesionais interesados nos contidos da xornada.
O relator da xornada será José David Martín Nieto, instrutor cunha longa traxectoria docente en contornas Red Hat e Middleware JBoss, tanto a nivel de administración como de desenvolvemento, e acreditado como Red Hat Certified Instructor, Engineer, JBoss administrator e JBoss developer.
Como de costume, o centro lémbranos que o acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local.

PUBLICIDADE