O servizo de diagnose enerxética para PEME do INEGA superou os 500 usuarios no seu primeiro ano

luns, 8 de outubro do 2012 Redacción

O servizo de Diagnose Enerxética en liña para PEME da Consellería de Economía e Industria sumou, durante o seu primeiro ano de funcionamento, medio milleiro de usuarios. A través desta ferramenta as empresas poden facer diagnoses enerxéticas en liña adaptadas ás súas particularidades, mellorando a súa competitividade mediante medidas concretas de eficiencia enerxética.
A aplicación conta con dous niveis, un básico e outro especializado, sumando doce bloques temáticos, seleccionados segundo as principais necesidades manifestadas polas PEME, que se concretan en: facturación enerxética, consumo térmico, iluminación, instalacións eléctricas, aire acondicionado, frío industrial, climatización e auga, transporte, enerxías renovables e alta eficiencia, mantemento, etiquetaxe enerxética e formación.
Nun primeiro nivel, máis sinxelo, os usuarios poden formular preguntas de forma rápida e sinxela, recibindo, a raíz delas, un informe de recomendacións sobre aforro e eficiencia enerxética. No nivel dous, os usuarios realizan un segundo cuestionario máis especializado, baseado nas respostas do primeiro. O resultado é un informe adaptado á situación da empresa, que inclúe un balance enerxético detallado cunha estimación do reparto do consumo eléctrico.
As empresas auditadas amosan un potencial de aforro enerxético para as PEME superior ao 14%. Entre as medidas fundamentais a adoptar atópanse, no tocante á enerxía eléctrica, a substitución de lámpadas por outras máis eficientes, a utilización de sistemas automáticos de control do acendido ou a instalación de mecanismos de medición de consumo.
No ámbito da enerxía térmica, as empresas deben adecuar as temperaturas en función da súa ocupación e da actividade que realizan, optimizar o funcionamento das caldeiras e mellorar os cerramentos. Así mesmo, tamén se detectan posibilidades de aforro en materia de transporte, a través do emprego de vehículos con axeitado consumo ou da posta en práctica dunha condución máis eficiente.

PUBLICIDADE