O simposio Pobre Mundo Rico ten seguimento por Internet dende os 5 continentes

luns, 22 de outubro do 2007 Raquel Noya

As palabras que Ghandi pronunciou ante unha conferencia das Nacións Unidas en 1972 (“a pobreza é o peor xeito de contaminación”), veñen agora a conto pola campaña de sensibilización que está a levar a cabo a Xunta de Galicia a través do simposio Pobre Mundo Rico, que ten como principal obxectivo dar a coñecer a pobreza dos individuos que non poden acceder ós recursos, nin ó coñecemento, nin prosperar debido ás desigualdades de poder do primeiro mundo que dan lugar a unha pobreza social sen igual.
Este congreso internacional sobre pobreza e desigualdade inaugurado o 2 de outubro, amais dar que falar nas principais cidades galegas a través de relatorios e actos variados in situ, está a xerar un movemento importante a través da Rede, onde o número de visitas se multiplicou por catro respecto aos dous meses anteriores en que entraron en funcionamento tanto a web do Club Internacional de Prensa como o blog do simposio, pobremundorico.org.
Segundo os responsables de ámbalas dúas webs, “en apenas tres semanas foron 11.378 as visitas recibidas, que consultaron durante unha media de 12 minutos e 35 segundos un total de 117.412 páxinas, realizando máis de 282.645 accesos”.
O feito de poder consultar os actos e relatorios a través de Internet facilítalle moito o acceso ás persoas de fala hispana ou lusófona dos cinco continentes que non se poden achegar ó simposio fisicamente e que seguen as retransmisións en directo por TV por Internet.
Asemade, os internautas que non se poden achegar ós actos de Pobre Mundo Rico teñen material de consulta para descargar a través da Rede que conteñen tanto o recadado nas mesas-debate como nas conferencias para seren consultados no menú televisivo de Internet.
Ata o pasado venres 19, e dende o mes de xullo, os responsables da web indican que “foron un total de 840.923 os accesos realizados, dende as 563.549 páxinas consultadas nas preto de 25.000 visitas realizadas”, uns datos que non fan máis que confirmar a importancia que adquiren as novas tecnoloxías á hora de loitar contra calquera tipo de inxustiza, neste caso, a pobreza e a desigualdade no mundo.

PUBLICIDADE