O sistema de xestión integrada das bibliotecas municipais chega a Narón e Fene

mércores, 3 de xaneiro do 2018 Redacción

O catálogo único da Rede de Bibliotecas de Galicia segue a medrar co novo ano. Segundo informaron coa entrada de 2018 a Consellería de Cultura e Educación e a axencia AMTEGA, implantouse finalmente o sistema de xestión integrada nas bibliotecas públicas municipais de Fene e Narón. En materia de vantaxes para os usuarios, esta novidade implicará (entre outras cousas) máis comodidade á hora de facer as súas buscas. Durante o mes de xaneiro tamén disporán deste servizo as bibliotecas de Cedeira e As Pontes de García Rodríguez.
Segundo informa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), xa son preto de 90 as bibliotecas municipais públicas que xa dispoñen do novo sistema integrado de xestión, un software de código aberto (baseado en Koha) que “abre as portas da integración” de todos os centros nunha contorna unificada, “tanto para o traballo dos técnicos das bibliotecas como para a consulta dos catálogos das bibliotecas de Galicia para calquera usuario ou usuaria”.
O novo sistema, como dixemos, pon en xogo un catálogo único dispoñíbel en catalogo-rbgalicia.xunta.gal. Con esta tecnoloxía, a maiores do devandito, podemos facer cousas en liña como solicitar o carné da Rede, facer reservas e renovacións, trocar de contrasinal e acceder co mesmo usuario e contrasinal a este sistema e á plataforma GaliciaLe, o sistema pioneiro de préstamo de libro electrónico.

PUBLICIDADE