O supercomputador FinisTerrae estará operativo no Cesga o primeiro trimestre de 2008

venres, 7 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Quen tivera pasado nas últimas semanas polas inmediacións do Centro Supercomputación de Galicia (Cesga) no Campus Sur de Santiago, xa saberá que está sendo obxecto de reformas e que os sinais destas mesmo chegan até a rúa. Pois ben, estes traballos teñen un motivo ben definido: habilitar o espazo axeitado, as infraestruturas e todos os detalles técnicos para a posta en marcha do superordenador FinisTerrae, que segundo a Consellería de Innovación está case a piques de arribar.
A chegada deste equipo, que precisa dunha superficie libre de 115 metros cadrados e que ocupará unha sala de preto de tres veces esa superficie, está prevista para o primeiro trimestre de 2008.
Na imaxe, a presentación do proxecto o pasado mes de marzo.
Isto que vai significar para o común dos galegos e galegos, estean ou non vivindo ou traballando no eido da Sociedade do Coñecemento? Pois basicamente que se van ampliar as posibilidades do Cesga, abranguendo novos marcos de traballo ou afondando nos xa existentes: grandes operacións de cálculo vinculadas á medicina (loita contra doenzas), á ciencia en xeral, á predición do tempo ou á I+D no público e no empresarial.
As obras que aínda están en curso incluíron a montaxe dun grupo electróxeno de oito toneladas no soto (que fará posible a alimentación sen cortes do supercomputador, amais da refrixeración). Polo que nos conta a Consellería de Innovación, xa chegaron ó Cesga as primeiras pezas do equipo, por exemplo a libraría de cintas. “Esta libraría”, prosegue Innovación, “ten un total de 1.424 slots para cintas magnéticas de tecnoloxía LTO4; cada cinta ten unha capacidade de 800 GB sen compresión, polo que a capacidade total de almacenamento é de 1,1 PB , ou ben 2,2 PB con compresión”.

PUBLICIDADE