O teclado Swype di adeus

mércores, 21 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A chegada das pantallas táctiles como interface para a introdución de texto supuxo un grande cambio para os usuarios, e conscientes de que a mecánica do tecleo físico non era eficiente, dende Nuance desenvolveron Swype, un teclado virtual alternativo que facilitaba o introdución de palabras sen levantar o dedo da pantalla grazas á súa interpretación dos movementos (cruzando tal información cun dicionario). Esta tecnoloxía causou furor, e aínda que inicialmente só estaba dispoñible para Android, ao abrirse iOS á incorporación de teclados de terceiros tamén conseguiu certo éxito no iPhone. Pero a competencia neste ámbito é moi forte, e finalmente Nuance non atopa rendible a creación de solucións deste tipo que se vendan directamente ao usuario final, e anuncian a retirada do teclado Swype da App Store de iOS.
Paralelamente, o teclado Swype + Dragon, que estreou versión 3.2 a primeiros de mes, tamén paraliza o seu desenvolvemento, confirmando o que poderiamos definir como a morte dos teclados Swype orixinais, aínda que sobra dicir que xa hai outras compañías que colleron o relevo, e podemos ver solucións semellantes de SwiftKey e incluso nos teclados oficiais de Google.
Algo que tamén parece confirmar este cambio de rumbo de Nuance é que cada vez resulta máis complicado atopar rendibilidade para solucións móbiles que se comercialicen directamente para usuarios finais, pois xa pasou o momento no que os usuarios de smartphones compran aplicacións de xeito frecuente, e tal modelo de negocio está en crise, pasándolle o relevo a esquemas free-to-play que só poden sustentarse con bases de usuarios moi elevadas.

PUBLICIDADE