O último en novas tecnoloxías culturais será é eixo do primeiro encontro de Coruña Dixital

luns, 12 de setembro do 2016 Redacción

Mañá, martes 13 de setembro, A Coruña acollerá o seu primeiro encontro Coruña Dixital, un programa promovido pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, coa finalidade de expandir na cidade as novas prácticas culturais e creativas xurdidas a través das novas tecnoloxías. Máis polo miúdo, a xuntanza deste día 13 tratará sobre as tendencias máis innovadoras do coñecemento e a creatividade dixital. A xornada, cuxa inscrición é de balde, será a primeira acción que inaugure esta iniciativa pioneira en Galicia "formada por axentes e colectivos que traballan arredor destas prácticas e que conta con apoio institucional", segundo indicou o edil José Manuel Sande.
"Con esta proposta, o Goberno local quere facilitar a conexión das persoas interesadas na cultura dixital e no uso creativo da tecnoloxía", explicou o concelleiro, engadindo que "así como impulsar o emprendemento sustentábel e con capacidade transformadora entre a cidadanía que quere ser parte activa de contornas colaborativas e horizontais".
Indo á xornada en cuestión, cómpre dicir que se desenvolverá dende as 10 até as 19.30 horas no Centro Ágora e, mediante charlas (de menos de 20 minutos cada unha), achegaranse as principais tendencias da innovación social a través de prácticas dixitais, proxectos tecnolóxicos sociocomunitarios, ou de contidos dixitais colectivos, espírito Maker e robótica educativa.
No encontro, que participarán profesionais do sector como Juan Freire, José Luis Vicente, Beka Iglesias, ou Fran Díaz, tamén se analizará a situación actual do panorama galego no eido das novas tecnoloxías e narrativas de Internet. Para iso, a xornada contará coa presencia de María Yáñez, Chus Prol, Fran Quiroga e Tucho Méndez, amais de Diego Parajó, que coordinará na sesión de tarde as mesas horizontais nas que se abrirá un espazo de traballo para desenvolver, entre todas e todos os asistentes, as posibilidades desta iniciativa, que terá continuidade nos vindeiros meses.
Engadir que Coruña Dixital achegará ao longo do último trimestre do ano numerosa programación que complementará a oferta existente da cidade, entre as que se atopan o Hackathon, un evento que reunirá a profesionais do deseño, a programación e outros perfís no que se experimentará con datos e aplicacións, ou o Ateneo Atlántico de Prototipado, no que se levará a cabo un laboratorio intensivo aberto de tecnoloxías libres.
Para realizar a inscrición e obter máis información sobre a iniciativa e outras propostas para este outono da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento en relación coa cultura dixital, pódese visitar a web de Coruña Dixital.

PUBLICIDADE