O uso de Vodafone TV experimentou un incremento do 6% este Nadal

mércores, 26 de xaneiro do 2022 S. P.

Vodafone publicou un novo informe relacionado cos hábitos dos usuarios dos seus servizos de TV esta tempada de Nadal, unha época que veu marcada este ano por dúas forzas contrapostas: por unha banda a tradición de celebrar as festas en familia ou con amigos e, pola outra, a necesidade de garantir a seguridade sanitaria e manter medidas de distanciamento. Segundo fixo saber a operadora, e é probábel que debido aos ditos condicionantes que conduciron a certo semiconfinamento, durante estas datas os usuarios de Vodafone TV viron máis a televisión que noutras épocas do ano. As cifras máis altas rexistráronse nos contidos infantís, que se dispararon.
Un incremento do 6%
Do 22 de decembro ao 9 de xaneiro, o uso de Vodafone TV experimentou un incremento do 6%, respecto ao mes anterior. Nesta mesma liña, as principais aplicacións de contidos integradas no servizo de televisión como HBO Max, Netflix, Amazon Prime Vídeo ou Filmin (entre outras) tamén experimentaron un crecemento no seu consumo, por encima do 7%, cunha media de uso de 42 minutos ao día a través de Vodafone TV. Ademais, o uso xeral dos dispositivos móbiles tamén subiu un 6% en canto a número de clientes e un 14% en intensidade de uso diario.
Ademais, e como vén sendo habitual durante esas datas, tamén se disparou o uso das canles infantís, concretamente un 11% entre os clientes que consumían xa este contido. Con todo, a operadora foi quen de rexistrar a existencia dun 6% de clientes de Vodafone que non usaba antes estes contidos e que o fixeron durante as festas. Doutra banda, o contido infantil non só incrementou no decodificador de Vodafone TV se non tamén no teléfono móbil: un 28% dos seus clientes usaron este dispositivo durante as festas para ver títulos infantís.
Os clientes de Vodafone TV seguen apostando polo cinema e series
Vodafone TV tamén fixo públicos os datos de emisións dalgúns dos programas máis vistos nestas datas. Ademais das tradicionais Badaladas, os especiais de Nadal e Noitevella, ou o Sorteo da Lotaría de Nadal, os clientes de Vodafone TV tamén pasaron o seu tempo alugando algunhas das películas dispoñibles nas súas plataformas. Entre elas destaca a última estrea Venom: haberá Matanza, que foi a máis vista polos seus usuarios, seguidas por Bebé Xefazo e Dune.
No apartado de series, en Vodafone TV, as estreas máis destacadas, en cuestión de seguimento, foron finalmente And Just Like That (HBO Max), O libro de Boba Fett (Disney+), A roda do tempo (Prime Vídeo), CSI: Las Vegas (Fox) e The Great T2 (StarzPlay).

PUBLICIDADE