O venres WeKCo acolle un almorzo sobre as vicisitudes legais do emprendemento tecnolóxico

luns, 20 de abril do 2015 Marcus Fernández

O espazo de coworking coruñés WeKCo celebrará o vindeiro venres de 10:00 a 12:00 horas o encontro Startup TIC’s & Law: Avatares legais do emprendedor TIC, que baixo un formato semellante aos seus WeKCoDesayunos, buscará gozar dun café mentres se afonda nas obrigas e necesidades das novas empresas e proxectos emprendedores do sector TIC da man dos expertos José Leandro Núñez García, socio no bufete madrileño Audens Abogados e avogado especializado en protección de datos, propiedade intelectual e marketing online, e Víctor Salgado Seguín, de Pintos & Salgado Abogados, todo un referente en Galicia sobre o dereito aplicado ao ámbito tecnolóxico.
A través desta pequena charla preténdese que os que están a iniciar un negocio tecnolóxico poidan coñecer algo máis sobre os desafíos legais aos que terán que facer fronte, aprendendo certas pautas que poidan facilitar un cumprimento das leis que non sexa moi complicado e que suporá a longo prazo un aforro de cartos e preocupacións.
Os interesados en participar nesta actividade (que terá un custo de 3 euros) deberán inscribirse a través da web.

PUBLICIDADE