O vídeo de Macaco contra o cancro infantil superou xa os 3,3 millóns de visitas

venres, 14 de febreiro do 2014 Redacción

Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Neno con Cancro (este 15 de febreiro), retomamos un deses vídeos en liña que semellan tocados por unha variña máxica en materia de perdurabilidade e capacidade de mobilización. Falamos de Seguiremos, a canción que acompaña un videoclip gravado en 2012 polo cantante Macaco para recadar fondos para o Hospital Sant Joan de Déu de Barcelona, especializado na investigación contra a devandita doenza e no tratamento ás cativas e cativos que a sofren. Seguiremos fai honra ao seu nome, xa que se trata dunha peza que aínda segue vixente na Rede, que é material para múltiples variantes (algunhas recentes coma a do Centro de Deseño Bau e outras máis antigas coma a desenvolvida en lingua de signos) e que xa foi obxecto de máis de 3,3 millóns de reproducións. Unha boa parte da comunidade internauta concienciada coa dita doenza está a acompañar arestora as súas mensaxes de mobilización do 15 de febreiro co dito vídeo.
A historia ten a súa orixe en novembro do ano 2012, cando Macaco decidiuse a gravar un videoclip para sensibilizar á poboación sobre a necesidade de financiar a investigación do cancro infantil. Un grupo de pacientes dos servizos de oncoloxía e hematoloxía, as súas familias, profesionais e voluntarios do Hospital Sant Joan de Déu de Barcelona uniron forzas a prol da causa. Máis polo miúdo, iniciativa xurdiu de Paula, unha nena residente no hospital de 12 anos de idade, que quería facer un videoclip no que todos os nenos do servizo de oncoloxía cantasen e bailasen para amosar á sociedade que aínda que están enfermos, teñen esperanza e alegría, á vez que se alentaba á poboación a facer doazóns de cara a un avance na investigación e descubrimento de novos tratamentos contra o cancro infantil.
Os profesionais e a dirección do hospital daban apoio a esta iniciativa e, grazas á compañía discográfica EMI e a 40 Principais, conseguíase que Macaco cedese o uso dunha das súas cancións, Seguiremos, para a gravación do videoclip. A produtora A Fábrica Laranxa realizaba o guión e poñía todos os recursos humanos e materiais para facelo realidade.
O resultado é un vídeo musical ben emotivo e valente, un exemplo de solidariedade que xa acadou os 3.325.094 de visitas. Algo moi positivo, tendo en conta que na mesma ligazón de YouTube se presenta a opción de realizar doazóns a través da páxina da Obra Social do Hospital Sant Joan de Déu.
Segundo se contaba hai un ano dende El Periódico de Catalunya, a peza de Macaco e os nenos do dito complexo hospitalario conseguira, a través de doazóns, recadar daquela 20.000 euros para o hospital catalán. A cifra hoxe será sensíbelmente maior.

PUBLICIDADE