O videoxogo baseado en Fábulas estrea versión para iOS

mércores, 4 de decembro do 2013 Marcus Fernández

No mes de outubro, a adaptación ao videoxogo da banda deseñada Fábulas de Bill Willingham desenvolvida por Telltale Games veu a luz en versións para Xbox 360, PlayStation 3 e PC cun primeiro de cinco episodios que promete ser incluso superior ao anterior éxito do mesmo estudio (a adaptación de Los Muertos Vivientes) e finalmente hoxe conta tamén con versión para dispositivos móbiles, concretamente para os que empregan iOS como sistema operativo.
O primeiro episodio de The Wolf Among Us pode xa mercarse na App Store por 4,49 euros, polo que é de agardar que agora manteñan o ritmo do resto de versións á hora de ir entregando novos episodios, que dosificaranse ata o verán, como vén a ser xa unha práctica habitual da xente de Telltale. Estes días tamén se espera que o xogo estree versión para PS Vita.
The Wolf Among Us métenos na pel de Bigby Wolf, un investigador que ten que resolver a morte de personaxes de conto que viven no mundo real do universo de Fábulas (o propio Bigby é o grande lobo malo feito humano). É de agardar que o xogo teña unha boa acollida entre usuarios de tablets, pois o xénero do point and click compórtase moi ben en pantallas táctiles, que están a ter moito peso no rexurdir deste xénero.


Vídeo promocional publicado co gallo da estrea de The Wolf Among Us na App Store

PUBLICIDADE