O vigués Edu Lavandeira reflexiona nunha curta sobre a nosa tendencia a engancharnos aos móbiles

xoves, 13 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

Ao director galego Edu Lavandeira preocúpalle o uso que se fai das novas tecnoloxías, sobre todo entre as novas xeracións. Xa nolo amosou en 2008 coa súa obra audiovisual Vídeo_Pelea, que reflexionaba no dramático que é que ferramentas chamadas para mellorar a nosa calidade de vida (os móbiles) rematasen sendo leña para o lume dos abusos nos colexios. Agora Lavandeira volve sobre estes pasos con Adictos, unha curta de trinta segundos que abre o debate sobre o uso sen medida que moitos de nós facemos dos dispositivos.
O director vigués informa que o seu obxectivo foi tentar condensar en só medio minuto unha historia de dous adictos, cada un a unha droga, que ven enfrontados os seus intereses e as súas necesidades. “O resultado é unha peza turbadora, cómica e moi realista”, sinálase na Rede.
A curta, por certo, está inspirada nunhas declaracións de Charlie Brooker, creador da moi recomendábel serie británica Black Mirror (que recrea múltiples situacións de ciencia ficción inmediata nas que os móbiles e as novas tecnoloxías están dalgunha maneira na orixe dunha situación de drama, traxedia, incomunicación ou soidade), nas que afirmou que se “cargar un iPhone nos quitase 10 minutos de vida, fariámolo igual”. Lembrar que Lavandeira logrou na pasada edición do Notodofilmfest.com colocar a súa curta Bukkake na primeira posición das pezas máis vistas do festival, entre máis de 1.300 obras a concurso.

PUBLICIDADE