O xogo de Sogama supera a liña dos 250 usuarios
mércores, 20 de xullo do 2011
- Captura do xogo interactivo de Sogama dirixido a informar dunhar reciclaxe óptima
A páxina web de Sogama, recentemente obxecto de
remodelacións, deu acubillo hai dous meses a un xogo interactivo destinado
a divulgar o cometido da empresa pública galega e, tamén, a informar de todo o
que se pode facer dende a casa para unha mellor reutilización dos refugallos. Falamos
de Separa para reciclar,
unha actividade de lecer dixital dirixida sobre todo á rapazada e que, logo de
dous meses operativa, conseguiu a participación de 250
internautas.
Sinalar que este xogo didáctico, no que se pon
a proba a nosa habilidade á hora de enviar un refugallo ao colector axeitado,
complementouse con outras novidades dixitais postas en marcha por Sogama,
estratexia que evidencia un interese claro por mudar a imaxe que unha boa parte
da sociedade galega ten do seu labor ao tempo que se mellora a comunicación
coas familias e o uso que estas lles dan aos seus servizos (por exemplo: o
emprego dos colectores, hoxe en día, tal e como se pode ver nas nosas cidades, pendentes
dun aproveitamento óptimo por parte de moita xente).
Entre estas novidades dixitais inclúese o
redeseño da páxina web de Sogama (que foi obxecto
de 4.600 visitas ao longo dun mes, entre mediados de xuño e de xullo) ou a súa
participación directa nas redes sociais, onde, por certo, tamén hai números que
dar ao respecto. Segundo informa
a sociedade de xestión, a experiencia nestes servizos 2.0 está a ser
positiva, ao pouco de ter sido posta en marcha: “Mentres que Facebook e Twitter van camiño dos 1.500 e 1.000 admiradores
respectivamente, Tuenti, malia poñerse en marcha máis recentemente, xa superou
os 2.000”, sinálase. Segundo engaden dende Sogama, a empresa autonómica súmase
con esta concorrencia nas redes sociais ao máis ben reducido número de
entidades públicas que está presente de xeito simultáneo nas tres redes máis
empregadas de España.
Sobre o uso que se lle está a dar a estes
servizos dende Sogama, a sociedade de xestión tamén ten información ao
respecto: “Aínda que a xestión dos
refugallos urbanos constitúe unha das temáticas centrais a tratar nas mesmas, o
certo é que están sendo aproveitadas para abordar outros asuntos de gran
interese vinculados ao cambio climático, o quecemento global da Terra, a
biodiversidade, as enerxías renovables, a contaminación atmosférica, etc”.