O xogo de orixe galega Battle of Puppets estréase en PS Mobile

luns, 17 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Hai catro anos o estudio lugués Small Wonders publicou a súa ópera prima e meirande éxito, Battle of Puppets, un divertido e simpático tower defense que foi un magnífico exemplo do que podía facerse no sector dos videoxogos dende Galicia, pero cunha magnífica resposta que os dous proxectos seguintes do estudio non foron quen de repetir, levando á desaparición do estudio, de aí que sorpréndanos bastante ver que nas últimas semanas a plataforma PlayStation Mobile incorporase a un prezo de 2,79 euros o xogo Battle of Puppets, de xeito que xa non é exclusivo de iOS, senón que tamén pode gozarse en consolas PlayStation Vita e en dispositivos con certificación PlayStation (como varios smartphones e tablets de Sony, móbiles como os distintos modelos de HTC One e incluso o Alcatel Touch Idol S).
Desta volta, en vez de vir editado directamente polo seu estudio de desenvolvemento, chega da man da editora Tama Games, ofrecendo 4 mundos inspirados en cadansúa ópera, 6 clases de personaxe, 22 niveis e 4 modos de xogo, facendo que permita moitas horas de diversión para os amantes dos xogos de castelo contra castelo.
Aínda que o xogo está dispoñible dende o pasado 29 de xaneiro, non foi ata hoxe que decidiron destacalo no blog oficial de PlayStation, onde alaban os seus gráficos coidados e o carácter único que consigue esta creación que deu os seus primeiros pasos en Galicia, e que anos despois da súa estrea para iPhone demostra estar totalmente vixente.

O xogo vén de dar o salto do iPhone á plataforma PS Mobile

PUBLICIDADE