O xogo na nube de Xbox prepárase para grandes avances ao longo do ano

venres, 11 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O vindeiro domingo retransmitirase unha grande presentación centrada nos estudios de videoxogos de Xbox, entre os que agora está Bethesda, pero Microsoft non só está a apostar por un impresionante catálogo de xogos, senón que tamén está a perseguir o achegamento dos videoxogos ao público máis amplo posible, para o que cren que o servizo Xbox Game Pass pode xogar un rol fundamental.
As liñas que debuxa Microsoft están máis claras que nunca, de xeito que manteñen as consolas Xbox Series X|S como a plataforma ideal para gozar dos grandes videoxogos, pero tamén avanzaron que están a colaborar con fabricantes de televisores para que integren a experiencia de Xbox de xeito que pagar gozar do seu xogo na nube só sexa preciso adquirir un mando. Tamén anunciaron que están a actualizar os servidores que alimentan esta plataforma, de xeito que o xogo na nube estará baseado en Xbox Series X, o que suporá tempos de carga máis rápidos e un mellor desempeño gráfico.
Neste momento o xogo na nube de Xbox está orientado principalmente a dispositivos móbiles con Android, pero están abríndose a navegadores web para poder chegar tamén a iOS e a equipos informáticos, aínda que ao longo deste ano aseguran que darán un paso máis aló, e permitirá gozar dos xogos na nube directamente dende a aplicación de Xbox para PC, o que pode resultar moi práctico, xa que permitirá poder probar un xogo antes de descargalo.

PUBLICIDADE